Representantes da Cruz Vermella e Mercadona en Tenerife durante unha entrega

Mercadona incorpora dous comedores sociais da Cruz Vermella á súa rede diaria de repartición de alimentos en Tenerife

22 de febreiro de 2022
  • Inicia colaboración coas asembleas comarcais que ten a Cruz Vermella en Granadilla e Icod de los Vinos mediante a entrega diaria de produtos como froita e verdura, lácteos, carne, peixe, embutido, pan ou pasta.
  • Xa son 17 os comedores sociais e entidades de repartición da provincia aos que a compañía entrega alimentos cada día dende os supermercados máis próximos.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, iniciou colaboración coas asembleas comarcais que ten a Cruz Vermella en Granadilla e Icod de los Vinos (Asemblea Comarcal de Abona e Asemblea Comarcal Noroeste) a través da entrega diaria de produtos de primeira necesidade como froita e verdura, lácteos, carne, peixe, embutido, pan ou pasta.

As doazóns realízanse á primeira hora da mañá, de luns a venres. Os produtos, que son aptos para o consumo pero non para a venda, entréganse nas mellores condicións de calidade e seguridade alimentaria para que cheguen ás máis de 3.000 persoas que atende a Cruz Vermella nos dous municipios durante un ano. Con esta incorporación xa son 17 os comedores sociais e entidades de repartición cos que a compañía colabora na provincia de Santa Cruz de Tenerife.

David González, director de Relacións Externas en Santa Cruz de Tenerife, declarou: “Sentímonos moi satisfeitos de poder achegar un pequeno gran de area ao gran labor que fai a Cruz Vermella na provincia e que vemos a diario, pois xa son nove os centros da entidade cos que colaboramos. Agradecemos enormemente o seu traballo e dedicación altruísta, claves para a sociedade canaria”.

Pola súa parte, a presidenta provincial da Cruz Vermella en Santa Cruz de Tenerife, Mayte Pociello, destacou “o compromiso solidario de Mercadona, que se puxo de manifesto cando a sociedade máis nos necesitou, como foi nos meses de confinamento pola pandemia ou na emerxencia pola erupción do volcán en La Palma. A incorporación de dous centros máis da Cruz Vermella á súa rede de repartición permitirá que moitas familias en situación de vulnerabilidade poidan recibir diariamente alimentos frescos e non perecedoiros, fundamental para conseguir unha mellor calidade de vida das persoas máis desfavorecidas”.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Mercadona, como parte do compromiso de compartir coa sociedade parte de canto recibe dela, desenvolve o seu Plan de Responsabilidade Social, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas sostibles de actuación que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte deste plan, a compañía de supermercados doou a comedores sociais e entidades benéficas de Santa Cruz de Tenerife máis de 600 toneladas de alimentos durante o ano 2021, un 45 % máis que en 2020.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sostibilidade. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, baseado nos principios da Economía Circular e enfocado á optimización loxística, á eficiencia enerxética, á xestión de residuos, á produción sostible e á redución de plástico. Nese sentido, destaca que Mercadona, xunto aos seus Provedores Totaler, traballa na Estratexia 6.25 para conseguir en 2025 un triplo obxectivo: reducir un 25% de plástico, que todos os envases deste material sexan reciclables, e reciclar todo o residuo deste. Ademais, traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes.

Mercadona é socio dende o ano 2011 do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción.

Representantes da Cruz Vermella e Mercadona en Tenerife durante unha entrega

 Representantes da Cruz Vermella e Mercadona en Tenerife durante unha entrega.