Fachada do novo supermercado Mercadona en Finestrat, Alacante.

Mercadona inaugura o seu novo Modelo de Tenda Eficiente en dous supermercados de Alacante

23 de xaneiro de 2017
  • ​​As novas tendas en Finestrat e Alacante cidade, completamente conectadas tecnoloxicamente, presentan un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.
  • Estes novos supermercados eficientes supuxeron un investimento conxunto de 4,75 millóns de euros e deron emprego a 630 persoas da provincia durante a fase de obras.

Mercadona inaugura hoxe dous novos supermercados eficientes na provincia de Alacante. Un deles localizado en Finestrat (Alacante), concretamente na Avda. País Valencià, no Centro Comercial La Marina, onde a compañía xa tiña un establecemento que será substituído por esta nova tenda após un investimento de 3,75 millóns de euros e a participación de 380 persoas na fase de obra; e un segundo supermercado no barrio La Florida de Alacante cidade, en concreto na Rúa Rio Muni con Via Parque, após unha reforma integral cun investimento de 1 millón de euros e a participación de 250 persoas para o adaptar ao novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía.

Estes novos supermercados en Finestrat e Alacante cidade, que contan cun cadro de persoal con empregos fixos de 51 e 41 persoas, respectivamente, presentan un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes. As novas tendas en Finestrat e Alacante cidade contan cunha superficie de sala de vendas de 1.875 e 1.600 metros cadrados, respectivamente, e dispoñen dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda, con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das distintas seccións. Apostan por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos distintos ambientes. 

Novidades en todas as seccións

Ademais, o Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona presenta novidades en todas as seccións e delas benefícianse tanto os “Xefes” (clientes), como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Por exemplo, dispón dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, andeis específicos de leite fresco e zumes refrixerados, máquina de zume de laranxa recén esprimido, un novo punto de acabado para a carne, unha góndola central na perfumería para a cosmética especializada e unha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores de froita e vexetais, un novo modelo de cesta da compra e dous tipos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros. Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo modelo de supermercado inclúe múltiples medidas para eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Ademais, dispón de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade no tempo de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Ademais, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo zonas e momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. Do mesmo xeito, este Novo Modelo de Tenda Mercadona, completamente conectado tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, cos que poderen compartir información desde calquera sección da tenda; o que facilita a autoxestión de cada supermercado e axiliza os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos, encóntranse, entre outros, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar xestións administrativas. Todo iso permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, o que facilita a toma de decisións e contribúe para unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura de ambos os supermercados é de luns a sábado, de 09h00 a 21h30, e dispón dun aparcadoiro de 265 prazas no de Finestrat e de 174 prazas no de Alacante cidade, para facilitar a compra a todos os clientes que se movan en vehículo. Ademais, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online a través da páxina web.

Con estas aberturas, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a isto, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 125 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas. 

Mercadona na Provincia de Alacante

Mercadona conta con 101 supermercados nos 42 concellos en que está presente da provincia de Alacante que proporcionan emprego estable a máis de 4.680 traballadores. Por outro lado, cómpre destacar que Mercadona reforzou ao longo do ano pasado a súa responsabilidade social na provincia por medio de diferentes iniciativas, con máis de 20.300 quilos de alimentos doados á Fundación Banco de Alimentos de Alacante. Ademais colaborou en múltiples "Operacións Quilo" coa Cruz Vermella, Caritas e outras entidades benéficas, e en iniciativas como a do Banco de Alimentos a través da súa campaña "El Gran Recapte", participando cos supermercados que ten en gran parte dos concellos da provincia. Desde o pasado mes de xuño de 2016 Mercadona tamén colabora co Comedor Social da Asociación de Veciños La Prosperidad de San Gabriel, en Alacante, doando diariamente produtos que retira da venda mais que están en perfecto estado para o consumo. 

Localización do novo supermercado eficiente en Finestrat (Alacante):

Localización do novo supermercado eficiente Mercadona en Alacante cidade: