Juan Roig e membros do Comité de Dirección de Mercadona no Centro de Coinnovación no Polígono Fuente del Jarro en Paterna, Valencia

Mercadona factura 35.527 millóns en 2023 e realiza un investimento récord de 10.000 millóns en sete anos

12 de marzo de 2024

O esforzo investidor iniciado en 2016 é froito da decisión estratéxica, apoiada polos accionistas, de que o beneficio para os 5 compoñentes (clientes, traballadores, provedores, sociedade e capital) no longo prazo é o investimento.

  • A brutal transformación implicou a implantación do Novo Modelo de Tenda Eficiente, a expansión internacional en Portugal, a posta en marcha do Proxecto Online, a optimización dos bloques loxísticos, e a innovación en novas ferramentas informáticas e modelos organizativos.
  • Tras rebaixar o prezo de 1.000 produtos entre abril de 2023 e febreiro de 2024, Mercadona continuará baixando prezos no que queda de ano.
  • Crea 5.000 novos postos de traballo e alcanza a cifra de 104.000 persoas entre España e Portugal, con quen compartiu 600 millóns de euros en concepto de primas, un 50 % máis que no exercicio anterior.
  • A eficiencia, rendibilidade e mellora de xestión realizada por Mercadona en 2023 levou á compañía, tras pagar un 43 % máis en Imposto sobre Beneficios, a incrementar o seu beneficio neto un 40 %, ata os 1.009 millóns de euros.
  • Destes beneficios, a compañía destinou unha vez máis o 80 % a continuar maximizando o seu investimento para investir 5.000 millóns ata 2028.

Mercadona, empresa de supermercados físicos e de venda en liña, incrementou en 2023 as súas vendas consolidadas un 15 %, ata os 35.527 millóns de euros. Deste total, 34.124 millóns corresponden ao negocio de España e os 1.403 restantes ao de Portugal, onde Mercadona conta con 49 tendas do total de 1.681 que conforman a rede de supermercados da compañía no momento do peche de 2023.

No pasado exercicio, Mercadona empezou a recoller os froitos da súa decisión estratéxica, apoiada polos accionistas da compañía en 2016, de investir no longo prazo para asegurar o beneficio dos 5 compoñentes (“O Xefe” -cliente-, O Traballador, O Provedor, A Sociedade e O Capital); factor clave sobre o que se asentan as bases da Mercadona do futuro.

Un investimento récord de 10.000 millóns de euros en 7 anos

Este esforzo investidor, iniciado en 2016 e necesario para a brutal transformación da compañía, alcanzou nestes sete anos unha cifra récord de 10.000 millóns de euros, tras investir 1.062 millóns en 2023. Ao longo destes anos a compañía levou a cabo a reforma e renovación dun total de 1.364 dos seus supermercados co seu Novo Modelo de Tenda Eficiente (Tenda 8), que conta coas novas seccións de frescos, o servizo Listo para Comer e que duplica a rendibilidade fronte a unha tenda convencional.

Tamén en 2016 se deu inicio ao proceso de internacionalización da compañía co anuncio da súa entrada en Portugal, cuxo proxecto entrará en 2024 na senda da rendibilidade; á posta en marcha do Proxecto Online, rendible e produtivo; á remodelación e optimización dos seus bloques loxísticos, coa actual mellora do seu stock en 2 días; á construción das novas oficinas en Albalat dels Sorells (Valencia); e á transformación dixital da compañía, que levou a incorporar novas ferramentas informáticas e organizativas para coñecer de forma científica todos os seus procesos e facelos máis eficientes e produtivos. 

10.000 M€ na Brutal Transformación de Mercadona (2016-2023)

Baixar 1.000 prezos. Máis clientes, máis compra media e máis cota

Os proxectos levados a cabo son a causa da eficiencia, produtividade e rendibilidade da Mercadona de hoxe, causa dos excelentes resultados obtidos en 2023, como demostran as cifras alcanzadas: o incremento de clientes, con 2.400 tíckets de tenda ao día, máis de 200 respecto ao ano pasado, e a súa cota de mercado en euros do 27,6 %, 0,6 puntos máis. Todo iso grazas á confianza dos seus “Xefes” e á mellora da súa experiencia de compra a través dunha oferta eficaz cunha calidade contundente e un prezo imbatible, como o demostraron as máis de 1.000 baixadas de prezos entre abril do 2023 e febreiro de 2024.

Máis de 104.000 persoas comprometidas coa eficiencia produtiva e a xestión

Na súa contribución á creación de emprego estable e de calidade, en 2023 Mercadona xerou 5.000 novos postos de traballo, 3.200 en España e 1.800 en Portugal, alcanzando a significativa cifra de 104.000 traballadoras e traballadores. Igualmente, co obxectivo de garantir o poder adquisitivo do seu cadro de persoal, a compañía aprobou unha subida salarial acorde ao IPC (3,1 % en España e 1,4 % en Portugal), ademais da prima por obxectivos que vai ligada aos beneficios da compañía e a que o traballador alcanzase as metas e os obxectivos pactados a principio de ano co seu superior. E como medida excepcional, unha media prima máis pola mellora da eficiencia produtiva e da xestión, que se traduciu en compartir cos traballadores vía primas un total de 600 millóns de euros, un 50 % máis que no exercicio anterior.

“Si a seguir coidando o planeta”

A implicación de Mercadona en contribuír de forma responsable a dinamizar as zonas onde está presente levouna, un ano máis, a reafirmar o seu compromiso con dar o “si a seguir coidando o planeta”. Deste xeito, continuou desenvolvendo de forma firme políticas para a redución de emisións, que lle permitiron certificar unha redución de emisións do 38 % dende 2015 ata 2022 tanto para as emisións e remocións directas de gases de efecto invernadoiro como para as emisións indirectas por enerxía importada; o uso de material reciclado no 77 % dos envases comerciais dun só uso; e a utilización de fontes de enerxía renovables, onde destaca a incorporación no pasado exercicio dun total de 224 novas instalacións fotovoltaicas, que supuxo un esforzo investidor de 42 millóns de euros.

Así mesmo, continuou colaborando cos colectivos máis vulnerables por medio da doazón de produtos de primeira necesidade, como o demostran as 23.100 toneladas repartidas en 2023 ás máis de 762 entidades solidarias coas que colabora.

Contribución tributaria histórica. Un 43 % máis de Imposto sobre Beneficios

Mercadona tamén realizou unha contribución tributaria histórica un ano máis ás arcas públicas de España e Portugal de 2.604 millóns de euros, un 15 % máis. En detalle, destaca a partida do IVE, que creceu ata os 487 millóns de euros, un 17 % máis; a do Imposto sobre as Rendas Físicas dos traballadores, de 495 millóns de euros, un 12 % máis; e a do Imposto sobre Beneficios, cun tipo efectivo do 23,3 %, que foi de 342 millóns de euros, un 43 % máis que o pasado exercicio.

Todo iso traduciuse nun beneficio neto de 1.009 millóns de euros, un 40 % máis que en 2022, dos cales, 100 millóns de euros son froito da excelente xestión realizada na súa tesourería. Así mesmo, a compañía segue apostando por crecer de forma sostida e sostible sen perder nunca o foco na eficiencia, na produtividade e na mellora da súa xestión, xa que a súa marxe caeu 1 punto, polo que destinará o 80 % destes beneficios, máis de 800 millóns de euros, a investimento para continuar maximizando o seu impacto económico e social en España e Portugal.

Investir 5.000 millóns nos próximos cinco anos para maximizar o seu impacto social e económico

Cunha política pioneira de reinvestir os beneficios para continuar fortalecendo os recursos propios da compañía, Mercadona decidiu investir 5.000 millóns nos próximos cinco anos, 1.100 millóns en 2024, para continuar maximizando o seu impacto social e económico en España e Portugal, para a cal tamén se apoiará no seu principal activo, os traballadores, cuxo cadro de persoal ten previsto ampliar en 1.000 persoas.

Así mesmo, dentro do seu compromiso por continuar ofrecéndolle ao “Xefe” unha calidade contundente a prezos imbatibles, a compañía continuará reforzando a súa eficiencia e detectando oportunidades de mercado xunto aos máis de 3.000 provedores e interprovedores especialistas cos que colabora, para continuar aplicando as baixadas dos prezos de custos aos prezos de venda durante todo o ano.

Feitos relevantes de Mercadona en 2023 Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2023Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2023.

Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2023Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2023.

Juan Roig e membros do Comité de Dirección de Mercadona no Centro de Coinnovación no Polígono Fuente del Jarro en Paterna, ValenciaJuan Roig e membros do Comité de Dirección de Mercadona no Centro de Coinnovación no Polígono Fuente del Jarro en Paterna, Valencia.

Memoria Anual 2023

Descargar