Mercadona 2022

Mercadona factura 31.041 millóns, un 11 % máis, e a inflación reduce a súa marxe e rendibilidade

14 de marzo de 2023

Redución de marxes, control de custos, oferta eficaz e produtividade, claves para non trasladar ao prezo de venda dos produtos, o impacto completo dos prezos de custo.

  • O impacto do incremento dos prezos de custo reduce a marxe da compañía en 0,6 puntos e sitúa a rendibilidade nunha das máis baixas da súa serie histórica: en 0,025 € de beneficio por euro vendido, fronte aos 0,027 € de 2021.
  • Este esforzo en reducir a marxe e a rendibilidade da compañía supuxo un aforro para os máis de 5,7 millóns de fogares que compran en Mercadona de 375 millóns de euros, que a compañía non trasladou á cesta da compra.
  • Mercadona alcanzou un beneficio neto de 718 millóns de euros, un 5 % máis que en 2021, e mantivo a súa política de compartir os beneficios coas traballadoras e cos traballadores, incrementando nun 8 % a cantidade repartida, que se elevou a 405 millóns de euros.
  • A contribución tributaria de Mercadona ás arcas públicas foi histórica en 2022: máis de 2.263 millóns de euros, un 12 % máis que en 2021.
  • Na súa contribución á creación de emprego estable e de calidade, creou 3.000 novos postos de traballo con contrato fixo, 1.000 deles en Portugal, e garantiu o poder adquisitivo das 99.000 persoas que compoñen o seu cadro de persoal cunha subida salarial acorde co IPC de España e Portugal.
  • En 2022, Juan Roig e Hortensia Herrero destinaron máis de 80 millóns de euros dos seus dividendos a reactivar a economía da Comunitat Valenciana e de España, cifra que incrementarán en 2023 “porque o coñecemento e o diñeiro dan a felicidade… se os compartes”.

Mercadona, empresa de supermercados físicos e de venda en liña, incrementou en 2022 as súas vendas consolidadas a superficie constante un 11 %, ata os 31.041 millóns de euros. Deste total, 30.304 millóns corresponden ao negocio de España e os 737 restantes ao de Portugal, onde a evolución das 39 tendas coas que conta permitiu elevar as súas vendas un 77 % máis.

Durante estes doce meses, a compañía creou máis de 3.000 novos postos de traballo estables e de calidade, 1.000 deles en Portugal, o que lle permitiu pechar o ano cun cadro de persoal de 99.000 persoas, todas con contrato fixo. Ademais diso, e para garantir o seu poder adquisitivo, no marco do seu Modelo de Calidade Total mellorou tanto o salario base como os complementos existentes do conxunto do seu cadro de persoal, o que se traduciu nunha subida salarial acorde ao IPC de cada país, concretamente dun 5,7 % en España e dun 9,6 % en Portugal, país onde, ademais, o salario de entrada na empresa tamén se incrementou un 11 % adicional.

Unha das rendibilidades máis baixas da súa serie histórica

En 2022, a compañía traballou, conxuntamente cos provedores cos que colabora, para adaptarse ao complexo contexto derivado do incremento dos prezos da enerxía e das materias primas, co conseguinte impacto no prezo de custo dos produtos en orixe, dun 39 % no campo (fonte Ministerio Agricultura, Pesca e Alimentación) e do 20 % na industria alimentaria (fonte INE).

Para minimizar o impacto desta inflación nos prezos de venda ao público, a compañía puxo en marcha numerosas medidas para reducir os custos e multiplicar a eficiencia, o que lle permitiu mellorar a produtividade un 7 % fronte a 2021, mellorando unha vez máis a xestión da compañía. Exemplo diso son o deseño da DPP, ferramenta que supuxo un investimento de 5 millóns de euros e que permite coñecer exactamente os custos nos que incorre cada produto en cada un dos seus procesos e a súa rendibilidade; ou a consolidación do modelo de Organización de Tendas para, de forma científica, destinar a cada tramo de venda ou sección as persoas necesarias para cada tarefa, o que implica importantes melloras para a conciliación laboral e familiar do persoal das tendas.

Grazas a todo iso, e especialmente ao esforzo mental dos 99.000 traballadores e os 3.000 provedores da compañía, Mercadona foi capaz de ofrecerlles aos seus clientes unha oferta eficaz cunha calidade contundente, como demostra o feito de que a subida media dos seus PVP fose de aproximadamente o 10 % en 2022 fronte a un 12 % dos prezos de alimentación. De feito, grazas a este esforzo compartido para frear o impacto dos prezos de custo na cesta da compra dos 5,7 millóns de familias que depositan a súa confianza en Mercadona, a compañía, vía eficiencia en custos e produtividade, conseguiu aforrar máis de 375 millóns de euros no seu conxunto. Isto traduciuse nunha redución da marxe en 0,6 puntos que sitúa a rendibilidade da compañía nunha das máis baixas da súa historia, 0,025 € fronte aos 0,027 € de 2021.

Contribución tributaria histórica ás arcas públicas, un 12 % máis

Mercadona realizou unha contribución histórica ás arcas públicas de España e Portugal de 2.263 millóns de euros, un 12 % máis. Na desagregación desa contribución, destaca a partida do IVE, que creceu ata os 418 millóns de euros, un 26 % máis; ou a do Imposto sobre as Rendas Físicas dos traballadores, de 443 millóns de euros, un 12 % máis.

Ademais, a compañía incrementou a súa contribución directa un 13 %, ata os 390 millóns de euros; e aboou un total de 240 millóns de euros de imposto de sociedades, un 22 % máis. Así mesmo, pioneira na súa política de compartir os beneficios xerados coas traballadoras e traballadores, repartiu co seu cadro de persoal a cantidade de 405 millóns de euros, un 8 % máis.

O beneficio neto do grupo situouse en 718 millóns de euros. Esta cifra representa un incremento do 5 %, practicamente a metade do aumento experimentado pola cifra de vendas (+11 %), confirmando o esforzo realizado pola compañía para conter a inflación vía a optimización e redución de marxes e rendibilidade.

Principais datos de Mercadona en 2022

Un esforzo investidor de 923 millóns, procedentes dos beneficios reinvestidos

Co obxectivo de avanzar de forma sostida na consolidación dun modelo de empresa máis dixital, produtiva e sostible, tendo como faro “O Xefe” (cliente), Mercadona, grazas aos beneficios reinvestidos ano a ano, puido acometer un novo esforzo investidor durante este ano de 923 millóns de euros, dos cales 140 millóns de euros se investiron en Portugal. Grazas a iso finalizou 2022 con 1.676 supermercados, 39 deles no país luso, tras inaugurar 63 supermercados, 10 deles en Portugal, e pechar 49 tendas que non se axustaban ao seu novo modelo de tenda máis eficiente e sostible (Tenda 8).

Este esforzo tamén se viu reflectido na apertura de dúas novas Colmeas (almacéns destinados exclusivamente á preparación e repartición de pedidos para a venda en liña); no impulso da sección de Listo para Comer/Pronto a Comer, o que permitiu finalizar o exercicio con 972 tendas con esta nova sección; a construción, reforma e adaptación dos seus bloques loxísticos; a entrada da compañía en cinco novos distritos de Portugal durante 2022; a inauguración da primeira fase das novas oficinas en Albalat del Sorells (Valencia), nas que traballan xa máis de 250 persoas; e na innovación e no desenvolvemento de novas ferramentas informáticas para seguir reforzando a eficiencia da compañía.

Máis “Si ao planeta”

Mercadona seguiu reforzando o seu compromiso co coidado e coa protección do medio ambiente impulsando políticas específicas en materia de xestión de residuos, pegada de carbono e pegada hídrica, ás que destinou en 2022 un investimento de 40 millóns de euros. Así, logrou reducir a súa pegada de carbono en máis de 4.200 t de CO2, e incrementou a súa aposta polas enerxías renovables non contaminantes coa colocación de 38.000 paneis solares nas súas cubertas. Así mesmo, continuou colaborando cos colectivos máis vulnerables por medio da doazón de produtos de primeira necesidade, como as 25.100 toneladas (+22 % respecto ao ano pasado) ás máis de 550 entidades solidarias coas que colabora.

Juan Roig: “A xeración de riqueza é un esforzo compartido por todos os que formamos Mercadona”

O presidente de Mercadona, Juan Roig, agradeceu a confianza dos “Xefes” que compran diariamente en Mercadona. Igualmente destacou “estar moi orgulloso das 99.000 persoas que forman a compañía porque, ante situacións excepcionais, superámonos cada día máis. Todos eles comparten un modelo de empresa que promove a prosperidade cun propósito común: difundir os beneficios de forma ampla na sociedade. Así foi en 2022, ano en que a compañía realizou unha contribución tributaria histórica ás arcas públicas e, polo tanto, ao desenvolvemento do noso estado do benestar”.

Segundo Juan Roig, todos estes feitos confirman que “os empresarios, os directivos e os traballadores, a través da empresa, somos os que xeramos riqueza e prosperidade. Se despois, a quen lle toca xestionalo o sabe facer ben, hai riqueza para todos; e se non, hai enfrontamentos”.

Un investimento de 1.100 millóns de euros en 2023 e 1.000 novos postos de traballo

Mercadona ten previsto investir 1.100 millóns en 2023 para seguir impulsando o seu plan estratéxico de transformación, 280 deles en Portugal. Estes recursos destinaranse, principalmente, á apertura de novos supermercados, á construción, reforma e ampliación dos seus bloques loxísticos para continuar reforzando a súa optimización, como en Almeirim (Santarém), onde se está construíndo o que será o segundo bloque loxístico de Portugal e o máis grande que Mercadona teña na cadea. Para todo iso, a compañía creará máis de 1.000 postos de traballo estable e de calidade en 2023, entre España e Portugal.

Juan Roig manifestou que no que levamos do mes de marzo “baixamos de prezo máis de 157 produtos e que imos continuar perseguindo as baixadas dos prezos de custo, para baixar os prezos de venda ao público no Carro Menú e que “O Xefe” faga a súa compra total ao mínimo custo posible, sen tocar a calidade e garantindo a rendibilidade de todos os elos da cadea”.

Proxecto Legado Juan Roig e Hortensia Herrero

Un ano máis, tanto Juan Roig como a vicepresidenta de Mercadona, Hortensia Herrero, reforzaron o seu compromiso coa sociedade, ao decidir reinvestir nela unha parte importante dos dividendos provenientes da súa participación na compañía. En total, ambos destinaron 80 millóns de euros do seu patrimonio persoal en 2022 a diferentes iniciativas no ámbito do Emprendemento, a Formación, o Deporte, o Entretemento, a Arte e a Cultura, que canalizaron a través do Proxecto Legado.

Este compromiso, que se iniciou hai máis dunha década e que en 2023 seguirá impulsándose con outros 100 millóns de euros do seu patrimonio persoal, nace do convencemento común de ambos de que “o coñecemento e o diñeiro dan a felicidade… se os compartes”. No seu caso, a través de distintos proxectos sostibles e solidarios, como son Marina de Empresas, Fundación Trinidad Alfonso, Valencia Basket Club, L’Alqueria del Basket, Licampa 1617 (Roig Arena) e Fundación Hortensia Herrero.

Principais feitos relevantes de Mercadona en 2022

Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2022Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2022.

Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2022Juan Roig, presidente de Mercadona, tras a celebración da Conferencia de Prensa 2022.

Juan Roig e membros do Comité de Dirección de Mercadona no Centro de Coinnovación de El Jarro en Paterna, ValenciaJuan Roig e membros do Comité de Dirección de Mercadona no Centro de Coinnovación de El Jarro en Paterna, Valencia.

Memoria Anual 2022

Descargar