Carros cesta de Mercadona

Mercadona entrégalle 2.500 quilos de produtos ao Banco de Alimentos de Gipuzkoa

13 de agosto de 2018
  • Mercadona doou máis de 486.000 quilos de produtos de primeira necesidade en 2017 en Euskadi.
  • A colaboración de Mercadona no programa “último minuto” foi recoñecida polo Banco de Alimentos de Gipuzkoa e a área de Medio Ambiente da Deputación Foral de Gipuzkoa.

Mercadona doou ao Banco de Alimentos de Gipuzkoa 2.500 quilos de produtos de primeira necesidade, concretamente tratouse de leite e aceite. Esta acción supuxo a renovación do convenio de colaboración que Mercadona mantén co Banco de Alimentos de Gipuzkoa, dende a súa implantación no territorio. O convenio inclúe, ademais, outras axudas, como a doazón diaria de produtos de primeira necesidade e a participación nas distintas campañas de recollida de alimentos que organiza o Banco de Alimentos de Gipuzkoa. Concretamente, a colaboración de Mercadona no programa “último minuto” foi recoñecida polo Banco de Alimentos de Gipuzkoa e a área de Medio Ambiente da Deputación Foral de Gipuzkoa.

Na entrega estiveron presentes José Manuel Pineda, presidente do Banco de Alimentos de Gipuzkoa, e Miryam Oca, xerente de Relacións Externas de Mercadona en Euskadi. Oca agradeceulle ao Banco de Alimentos “o seu recoñecemento pola nosa participación no programa “último minuto” así como o seu traballo diario apoiando aquelas persoas con menos recursos”. Tamén Pineda quixo agradecer, neste caso a Mercadona, a súa “colaboración diaria e constante que nos axuda no noso labor ”.

Como parte da súa responsabilidade social empresarial, Mercadona non só realiza esta colaboración co Banco de Alimentos de Gipuzkoa, tamén colabora diariamente co comedor social Nuestra Señora de los Desamparados de Vitoria-Gasteiz e cos Bancos de Alimentos de Araba e Bizkaia. Estas colaboracións superaron, o ano pasado, os 486.000 quilos de alimentos doados en Euskadi.

Donación de alimentos de Mercadona al Banco de Alimentos de GipuzkoaJosé Manuel Pineda, presidente do Banco de Alimentos de Gipuzkoa, e Miryam Oca, xerente de Relacións Externas de Mercadona en Euskadi.

Mercadona en Euskadi

Mercadona ten 16 tendas en Euskadi: 5 en Vitoria-Gasteiz (Araba/Álava), tres en Bilbao, unha en Barakaldo, Basauri, Santurtzi e Berango (Bizkaia); e unha en Irun, Eibar, Oiartzun e Donostia / San Sebastián (Gipuzkoa). O seu cadro de persoal está composto por 1.422 persoas, con emprego estable e de calidade. Culminou a primeira fase da construción do seu bloque loxístico en Vitoria-Gasteiz cun investimento de 50 millóns de euros e a creación de 200 postos de traballo. Así mesmo, ten relación comercial con 1.308 pemes desta comunidade e en 2017 realizou compras a provedores vascos por valor de 423 millóns de euros. A aposta de Mercadona polo produto local fixo que, durante a última campaña, compre 5.500 toneladas de peixe fresco das lonxas de Bizkaia e Gipuzkoa, 236.000 quilos de pataca de Araba/Álava con Euskolabel, máis de 252.000 unidades de bolo de manteiga e máis de 12.000 pementos.

Banco de Alimentos de Gipuzkoa

Constituído en 1997, o obxectivo do Banco de Alimentos de Gipuzkoa é a loita contra o desperdicio a favor dos máis necesitados no noso ámbito. En 2017 os 216 voluntarios do Banco de Alimentos de Gipuzkoa distribuíron, a través de 194 entidades colaboradoras, máis de 2.500 toneladas de alimentos a 19.073 beneficiarios, unha media de 130 quilos por persoa.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolver parte de canto recibe dela. Co devandito obxectivo, desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política, Mercadona traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes, así como na construción de cubertas axardinadas e xardíns verticais nas súas tendas.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sostibilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Medioambiental propio, enfocado á optimización loxística, á eficiencia enerxética e á redución de residuos; parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e busca conxuntamente cos interprovedores a conversión de residuos en novos recursos.

Ademais, Mercadona colabora con máis de 140 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e outras entidades benéficas de toda España para a doazón diaria de alimentos, así como a colaboración en campañas de recollida de alimentos. Igualmente, traballa con máis de 27 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por más de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Mercadona é dende 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a Sostibilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea no que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sostibilidade. Ademais, está adherida dende o ano 2011 ao Pacto Mundial das Nacións Unidas pola defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción.