Mercadona e sindactos asinan o novo Convenio Colectivo

Mercadona e os sindicatos asinan o novo Convenio Colectivo cun incremento salarial de ata o 6%

18 de decembro de 2023
  • O incremento do salario base vincúlase ao IPC, ata un 2,5 %, e, no caso de ser superior, completarase este incremento ata un máximo do 6 %, vinculado aos obxectivos do beneficio da compañía.
  • O Convenio Colectivo de Empresa entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024 e terá unha vixencia de cinco anos, ata a súa finalización no ano 2028.
  • Garántese un soldo base mínimo de entrada de 1.507 euros ao mes/brutos, un 20 % máis sobre o salario mínimo interprofesional.
  • A este salario súmanse, entre outros, os complementos da súa Política Retributiva que supoñen incrementos dun 11 % anual ata o tramo 5, o que representa un 60 % máis sobre o salario mínimo interprofesional.
  • A compañía continúa avanzando nas súas políticas de aplicación do descanso semanal, pioneiras no sector, facendo agora extensible aos traballadores das colmeas e bloques loxísticos o descanso de polo menos 8 fins de semana ao ano.

Mercadona e os representantes da Unión Xeral de Traballadores (UXT), de Comisións Obreiras (CCOO) e do Sindicato Independente (SI), asinaron o novo Convenio Colectivo de Empresa. Este convenio, que reforza a importancia do crecemento compartido e sostible, entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024 e terá unha duración de 5 anos, ata finais de 2028.

O acordo garante o poder adquisitivo do cadro de persoal. O incremento do salario base vincúlase ao IPC, ata un 2,5 %, e, en caso de ser superior, a compañía completará este incremento ata un máximo do 6 %, porcentaxe vinculada aos obxectivos do beneficio da empresa; medida acorde co modelo de creación de riqueza e repartición de beneficios compartidos que vén aplicando dende hai anos a compañía.

Ademais, a Empresa xa garante un soldo mínimo de entrada de 1.507 euros ao mes/brutos, (un 20 % máis que o salario mínimo interprofesional), ao que se suman, entre outros, os complementos propios da Política Retributiva da compañía que supoñen incrementos dun 11 % anual ata o tramo 5, e que pode chegar a representar un 60 % máis sobre o salario mínimo interprofesional.

Mercadona continúa sendo pioneira no sector coa introdución de políticas de conciliación. No novo convenio faise extensible aos traballadores das colmeas (almacéns exclusivos para a venda en liña) e dos bloques loxísticos o descanso de 8 fins de semana ao ano. Esta iniciativa entrará en vigor de forma progresiva en 2024 e finalizará en 2025, o que supoñerá que esta medida alcance á maioría do seu cadro de persoal. Así mesmo, a compañía comprométese a reducir a xornada laboral en 2025.

A directora de Relacións Laborais de Mercadona, Ruth García, destaca que “este novo convenio é froito do esforzo de todas as partes implicadas por garantir a satisfacción das máis de 100.000 persoas que forman Mercadona, que son a causa do éxito e do crecemento da compañía. Unha empresa cuxo modelo de xestión se basea en satisfacer os traballadores e as traballadoras, porque eles son os que satisfán os máis de 5,7 millóns de fogares (os nosos “Xefes” como internamente os denominamos en Mercadona), todos os días”.

Lola Luna Fernández, Responsable Estatal do Sector de Comercio de FeSMC UXT, destaca a importancia deste convenio, ao ser o de maior afectación do sector, e valora de forma moi positiva os acordos alcanzados nesta negociación; acordos  que van permitir que as persoas que traballan en Mercadona sigan á cabeza do sector, non só  en canto a retribucións económicas se refire, senón tamén en canto a calidade en distribución de xornada e descansos cualificados, algo que facilita a conciliación da vida persoal e laboral tan demandada no sector do comercio. Agradece á empresa e aos representantes sindicais o seu esforzo e a súa dedicación durante esta negociación, que permitiu a sinatura deste importante acordo.

José María Martínez, secretario xeral da Federación de servizos de CCOO, indica: “Entendemos que este convenio demostra unha vez máis que, a través do diálogo social, se poden ir adaptando as novas realidades laborais coa participación de todas as partes: empresa e RLPT (Representación Legal das Persoas Traballadoras). Realizando esta adaptación, mellorando as condicións laborais e cun incremento nos salarios que garanten o poder adquisitivo na maior empresa do sector. Tamén hai que destacar a continuidade do Observatorio que se creou no anterior convenio, onde se vai estudar como se vai reducir a xornada e a análise da súa distribución”.

“Dende o primeiro convenio colectivo da empresa Mercadona, SA, ata o actual, o Sindicato Independente, partícipe da negociación deste, constatou unha dobre liña: mantemento do poder adquisitivo de todos os traballadores e creación continuada de emprego estable. Un auténtico compromiso social! O convenio colectivo máis destacado no sector”, segundo sinala o Secretario do Sindicato Independente, Fermín Palacios Cortes.

Mercadona e sindactos asinan o novo Convenio ColectivoRepresentantes de UXT, de CCOO, do Sindicato Independente e de Mercadona no Centro de Coinnovación Jarrods en Paterna, València.