Mercadona doa alimentos Tudela

Mercadona doará diariamente produtos ao comedor solidario Villa Javier de Tudela

08 de outubro de 2018
  • A cadea de supermercados comeza a entregarlle diariamente produtos de primeira necesidade ao comedor solidario Villa Javier, de Tudela, que son cociñados polo alumnado do curso de cociña posto en marcha pola Fundación Ilundain Haritz Berri.
  • Mercadona doou máis de 208 toneladas de produtos de primeira necesidade en 2017 en Navarra.

No marco da súa responsabilidade social, Mercadona iniciou unha colaboración estable co comedor solidario Villa Javier, de Tudela, a través da entrega diaria de produtos básicos. Os produtos son cociñados polo alumnado do curso de cociña posto en marcha pola Fundación Ilundain Haritz Berri. A doazón realízase pola mañá, grazas aos recursos loxísticos e humanos que tamén achega Mercadona, e os produtos entréganse nas mellores condicións de calidade e seguridade alimentaria para que o alumnado os prepare. Con esta iniciativa solidaria preténdese axudar na elaboración de comidas para as 50 racións diarias que reparte esta institución, situada no número 2 da rúa San Francisco Javier de Tudela.

Sobre a colaboración, Imanol Flandes, director de Relacións Externas de Mercadona en Navarra, explica que “estamos moi orgullosos de poñer o noso gran de area neste proxecto tan importante para Tudela”. Pola súa parte, Mariano Gracia, presidente da Fundación Tudela Comparte, agradece “o apoio de Mercadona que contribúe a preparar uns menús variados para as 50 racións diarias que repartimos no noso comedor solidario". Inma Fernández, coordinadora dos programas da Fundación Haritz Berri Ilundain en Tudela, subliña que “grazas ás doazóns, ademais de desenvolver un labor social, melloran os recursos de aprendizaxe do alumnado, xa que practican diariamente con alimentos moi variados e de calidade”.

Como parte da súa responsabilidade social corporativa, Mercadona non só realiza esta colaboración senón que asinou un convenio coa Fundación Banco de Alimentos de Navarra a través do que este ano doou 4.500 kg de produtos de primeira necesidade. Ademais, colabora diariamente coa Fundación Ilundain Haritz Berri, Las Hermanitas de los Pobres de Pamplona, o comedor solidario Paris 365 e a Escola Taller de Estella-Lizarra. Todas estas accións fixeron que, en 2017, Mercadona doara máis de 208 toneladas de produtos de primeira necesidade a entidades sociais navarras.

Sobre Mercadona en Navarra

Mercadona conta con 11 tendas en Navarra e un cadro de persoal de 574 persoas, todas elas con emprego estable e de calidade. Ademais, a compañía mantén relación comercial con 714 pemes desta comunidade e en 2017 realizou compras a provedores navarros por valor de 394 millóns de euros, un 45% máis que o ano anterior. Exemplos dos seus provedores agroalimentarios e da súa aposta polo produto local, son a compra de 1 millón quilos de alcachofa en Tudela, 6.000 quilos de espárrago branco con IXP Navarra, 4,3 millóns de quilos de cebola, 2,5 millóns de quilos de endivias, 1,3 millóns de unidades de leituga Batavia e máis de 13.000 anellos.

Sobre a Fundación Tudela Comparte

A Fundación Tudela Comparte constitúese en 2015 como unha entidade aconfesional e sen ánimo de lucro. O padroado está composto por 15 persoas, unidas, por un lado, por certa experiencia en distintas actividades de tipo social e, por outro, polo interese común de que o seu esforzo e o seu traballo desinteresado se sume ao resto de organizacións que xa viñan traballando en Tudela contra a pobreza e as desigualdades. Actualmente, conta cunha rede de voluntariado composta por 200 persoas que achegan o seu gran de area nas distintas accións que realiza a Fundación como o comedor solidario, o supermercado social o “Capacico” e os obradoiros formativos en temas como informática, castelán, cocina autóctona, conserva industrial…

Sobre a Fundación Ilundáin Haritz Berri  

A Fundación Ilundain Haritz Berri é unha entidade social, cunha traxectoria de 34 anos en Navarra, e cuxo principal obxectivo é acompañar a mozos en situación de vulnerabilidade, xerando novas oportunidades que favorezan a súa inclusión social, laboral e comunitaria. Para iso, conta con diferentes programas no ámbito formativo, prelaboral, residencial e de inclusión, fomentando un itinerario personalizado con cada unha das persoas usuarias. Cada ano fórmanse nas súas instalacións máis de 600 persoas en especialidades como xardinería, xestión forestal, mantemento de edificios, limpeza, carpintería e hostalería, contando para iso con centros na Comarca de Pamplona e en Tudela. Conta, ademais, cunha liña de educación ambiental, representada a través da súa Granxa Escola, un recurso que foi pioneiro en Navarra e polo que cada ano pasan preto de 6.000 escolares.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolver parte de canto recibe dela. Co devandito obxectivo, desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política, Mercadona traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes, así como na construción de cubertas axardinadas e xardíns verticais nas súas tendas.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sostibilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Medioambiental propio, enfocado á optimización loxística, á eficiencia enerxética e á redución de residuos; parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e busca conxuntamente cos interprovedores a conversión de residuos en novos recursos.

Ademais, Mercadona colabora con máis de 140 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e outras entidades benéficas de toda España para a doazón diaria de alimentos, así como, a colaboración en campañas de recollida de alimentos. Igualmente, traballa con máis de 27 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Mercadona é dende 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a Sostibilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea no que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sostibilidade. Ademais, está adherida dende o ano 2011 ao Pacto Mundial das Nacións Unidas pola defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción.

Imaxe de cabeceira: Ismael, traballador de Mercadona xunto ao alumnado do curso de cociña.