Carro cesta de Mercadona cheo de distintos produtos

Mercadona doará diariamente produtos ao comedor social “CES Punto Omega” de Móstoles (Madrid)

13 de xuño de 2018
  • A empresa de supermercados comprometeuse a doar diariamente produtos en perfecto estado dende un dos seus centros de Móstoles.
  • A compañía tamén doou 520 toneladas de alimentos de primeira necesidade ao longo de 2017 a diversos comedores e entidades sociais da Comunidade de Madrid.

Mercadona iniciou a súa colaboración co comedor social "CES Punto Omega" de Móstoles a través da entrega diaria de produtos aptos para o consumo pero non para a venda dende un dos seus centros da localidade. A doazón realízase á primeira hora da mañá, grazas aos recursos loxísticos que tamén achega Mercadona.

O xerente de Relacións Externas de Mercadona, Iván Díaz, asegura que a empresa "se sente moi satisfeita coa colaboración con este comedor social e orgullosos de poder achegar alimentos aos que máis o necesitan".

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Benestar Social e Vivenda, Gabriel Ortega, destaca a importancia de iniciativas solidarias coma esta, que corresponsabiliza á sociedade na busca de solucións para as persoas máis excluídas da nosa sociedade. Ademais apoian procesos de inclusión que, tendo o seu eixo fundamental nos Servizos Sociais, necesariamente deben contar co traballo e coa achega doutros axentes sociais, como é o caso do Terceiro Sector (representado neste caso na Asociación Punto Omega) e dos axentes económicos (como é o caso de Mercadona).

Representantes da Asociación Punto Omega declaran que se certifica unha vez máis o principio básico de que “o todo é maior que a suma das partes”. A colaboración entre o Concello de Móstoles, Mercadona e a Asociación Punto Omega xera sinerxías que benefician ás persoas que acoden ao Centro xestionado pola Asociación Punto Omega, e mellora os procesos de inclusión social.

Dentro das accións de compromiso social, Mercadona colabora dende hai anos con distintas institucións e organizacións benéficas de toda España como Bancos de Alimentos, Cáritas Diocesana, Cruz Vermella e máis de 140 comedores sociais. En 2017 Mercadona doou 9.600 toneladas a estas institucións.