Momento da entrega de leite gordo Hacendado ao Banc dels Aliments de Barcelona

Mercadona dóalles 90.000 litros de leite aos Bancos de Alimentos de Cataluña

27 de novembro de 2017
  • A cadea de distribución participará tamén no Gran Recapte e porá á disposición dos catro Bancos de Alimentos máis de 250 tendas en toda Cataluña.

 

A compañía de supermercados Mercadona fixo efectiva a doazón de 90.000 litros de leite gordo da marca propia Hacendado á Federació Catalana dels Bancs dels Aliments.

A relación entre Mercadona e a Federació Catalana dels Bancs dels Aliments, que comprende os Bancos de Alimentos de Barcelona, ​​Girona, Lleida e Tarragona, iniciouse no 2010 e encádrase en dúas vertentes: por un lado, pór as tendas de Mercadona á disposición dos Bancos de Alimentos nas edicións que organizan para recollidas de alimentos e, polo outro lado, facer unha doazón de produtos de primeira necesidade aos Bancos de Alimentos para que estes os poidan distribuír entre as persoas carenciadas a través de entidades benéficas.

Neste sentido, Mercadona tamén vai colaborar na edición deste ano do Gran Recapte -prevista para os vindeiros días 1 e 2 de decembro- coa participación de máis de 250 tendas de toda Cataluña, onde se vai establecer un punto de recollida de alimentos en cada unha.

A compañía porá á disposición dos catro Bancos de Alimentos as tendas como puntos de recollida de alimentos de primeira necesidade. Na campaña anterior, celebrada o pasado novembro de 2016, participaron 250 tendas Mercadona e foron recollidas máis de 1.100 toneladas de produtos básicos doados polos clientes.

Alén diso, Mercadona realiza unha contribución adicional de 90.000 litros de leite gordo Hacendado. Neste sentido, o director de Relacións Externas de Mercadona en Cataluña, Bernat Morales, remarca "o importante labor" que levan a cabo os Bancos de Alimentos "ao recolleren e repartiren os alimentos entre os máis carenciados" e sinala que esta nova doazón de 90.000 litros de leite que achega a compañía "é a nosa pequena contribución para axudar aquelas persoas que máis o precisan".

Ademais da colaboración cos Bancos de Alimentos, a cadea de supermercados tamén lles doa produtos a máis de trinta comedores sociais repartidos por toda Cataluña. A doazón realízase acotío, de luns a sábado, grazas aos recursos loxísticos e humanos de Mercadona, que leva os produtos a cada un dos comedores sociais e entrégaos nas mellores condicións de calidade e seguridade alimentaria para os voluntarios prepararen as comidas.

En total, o ano pasado, Mercadona doou 1.530 toneladas de alimentos e outros produtos de primeira necesidade a diversas institucións e organizacións benéficas de Cataluña, o que equivale a 25.247 carros da compra.

Imaxe de cabeceira: Traballadores de Mercadona durante a doazón de leite Hacendado ao Banc dels Aliments de Barcelona.