A doazón de Mercadona ao Concello de Maó recibírona a Cruz Vermella e Cáritas

Mercadona doa máis de cen toneladas de alimentos a entidades sociais de Menorca

30 de septembro de 2022
  • Entrega esta semana catro toneladas de produtos de primeira necesidade aos Concellos de Ciutadella e Maó froito do acordo de colaboración que renovou cos dous consistorios.
  • A compañía leva dende abril doando cada día alimentos á Cruz Vermella dende os tres supermercados que ten na illa.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, doou máis de 100 toneladas de produtos de primeira necesidade a entidades benéficas de Menorca no que vai de ano, o equivalente a uns 2.000 carros da compra.

As doazóns foron destinadas principalmente á Cruz Vermella, que recibe diariamente alimentos de Mercadona dende os tres supermercados que ten na illa. Os produtos, que son aptos para o consumo pero non para a venda, entréganse nas mellores condicións de calidade e seguridade alimentaria para que a entidade os reparta entre os máis de 700 usuarios que atende en Maó e Ciutadella.

Ademais, e sobre a base do compromiso que ten a compañía de supermercados cos veciños e coas veciñas das zonas nas que ten presenza e actividade, Mercadona doou esta semana catro toneladas de produtos de primeira necesidade como leite, pasta, arroz, aceite, cereais, zume ou xel de ducha aos Concellos de Ciutadella e Maó froito dos acordos de colaboración que renovou cos dous consistorios para que se distribúan entre as organizacións sociais que traballan coas persoas máis desfavorecidas.

O rexedor de Servizos Sociais do Concello de Maó, Enric Más, agradeceu a Mercadona “a súa colaboración e implicación social co Banco de Alimentos Municipal, unha oportunidade que ofrecemos ás empresas do municipio para implicarse socialmente cos seus clientes, que son a xente de Maó”. Así mesmo, a rexedora de Recursos Humanos e Atención Social do Concello de Ciutadella, Laura Anglada, valorou moi positivamente “a implicación e sensibilidade das empresas privadas cos colectivos especialmente vulnerables” e declarou que esta acción mostra que “a través da implicación de todos, podemos mellorar as condicións de vida das persoas”.

Pola súa parte, a directora de Relacións Externas de Mercadona en Menorca, Ester Coll, recoñeceu aos servizos sociais dos Concellos de Maó e Ciutadella “o seu traballo e a súa dedicación incansable” e destacou que “é unha satisfacción establecer este ano novas vías de colaboración na illa, como as doazóns directas dende os nosos supermercados, para poder chegar máis e mellor á sociedade menorquina”.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é compartir parte de canto recibe dela. Con este obxectivo, desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política, Mercadona colabora con máis de 400 comedores sociais, 60 bancos de alimentos e outras entidades sociais de España e Portugal aos que doa diariamente alimentos, e participa nas campañas de recollida de alimentos que as devanditas entidades organizan. De feito, en 2021, a compañía doou a todas estas entidades e organizacións un total de 20.600 toneladas de alimentos, un 21 % máis que en 2020.

Xunto á doazón de alimentos, Mercadona colabora con 32 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social é a sostibilidade. Para iso, conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, baseado nos principios da economía circular e enfocado á optimización loxística, a eficiencia enerxética, a xestión de residuos, a produción sostible e a redución de plástico.

Nese sentido, Mercadona, xunto cos seus provedores Totaler, traballa na Estratexia 6.25 para conseguir en 2025 un triplo obxectivo: reducir un 25 % de plástico, que todos os envases deste material sexan reciclables, e reciclar todo o residuo plástico. Ademais, traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes.

Dende o ano 2011 é socio do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción.

Laura Anglada, concelleira do Concello de Ciutadella recolle a doazón de MercadonaLaura Anglada, concelleira do Concello de Ciutadella recolle a doazón de Mercadona.

Imaxe de cabeceira: A doazón ao Concello de Maó recibírona a Cruz Vermella e Cáritas.