Doazón de leite de Mercadona á Cruz Vermella de Álava

Mercadona doa 2.700 litros de leite á Cruz Vermella de Álava

24 de maio de 2021
  • A cadea de supermercados doou máis de 1.600 toneladas de produtos de primeira necesidade en 2020 en Euskadi a distintas entidades sociais.

Mercadona doou á Cruz Vermella de Álava 2.700 litros de leite, co obxectivo de continuar atendendo os colectivos máis desfavorecidos e dar resposta á crise ocasionada pola pandemia.

Imanol Flandes, Xerente de Relacións Externas de Mercadona, afirmou que “este é outro exemplo do reforzo que estamos realizando coas nosas doazóns en Euskadi para achegar o noso gran de area á situación excepcional creada pola pandemia”. Pola súa parte, dende a Cruz Vermella de Álava agradeceron  “esta doazón dun produto do que estabamos especialmente necesitados nunha época complicada, na que o número de persoas ás que atendemos aumentou exponencialmente debido á crise da Covid-19”.   

Como parte da súa responsabilidade social empresarial, Mercadona non só realiza esta colaboración coa Cruz Vermella de Álava, senón que colabora diariamente cos Bancos de Alimentos de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa, doando produtos de primeira necesidade. Todas estas colaboracións traducíronse, durante 2020, en máis de 1.600 toneladas de produtos doados.

Mercadona en Euskadi

Mercadona conta con 21 tendas en Euskadi e un cadro de persoal de máis de 2.000 persoas con emprego estable e de calidade. A súa aposta polo produto local levouna a comprar 948.000 quilos de pataca de Álava con Euskolabel durante esta campaña, o que supón un incremento do 49 % respecto á campaña anterior.

En 2020 culminou a construción do seu bloque loxístico en Vitoria-Gasteiz, que abastece os supermercados de Euskadi, Navarra, La Rioja, Cantabria e Burgos. Investiu, nesta infraestrutura, máis de 187 millóns de euros e creou 480 empregos.

A Cruz Vermella de Álava

A Cruz Vermella en Álava conta con case 1.400 persoas voluntarias que permiten estar preto, dun ou doutro xeito, de ata 25.000 persoas, como se logrou durante a operación RESPONDE fronte á COVID-19. No marco da Comunidade Autónoma Vasca, a Cruz Vermella Euskadi é capaz de dar unha resposta social a máis de 200.000 persoas ao ano cun voluntariado próximo xa ás 16.000 persoas.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolver parte de canto recibe dela. Con este obxectivo, desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido.

Xunto á doazón de alimentos, Mercadona colabora con 32 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social é a sostibilidade. Para iso, conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, baseado nos principios da economía circular e enfocado á optimización loxística, a eficiencia enerxética, a xestión de residuos, a produción sostible e a redución de plástico.

Nese sentido, Mercadona, xunto cos seus provedores Totaler, traballa na Estratexia 6.25 para conseguir en 2025 un triplo obxectivo: reducir un 25 % de plástico, que todos os envases deste material sexan reciclables e reciclar todo o residuo plástico. Ademais, traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes.

Dende o ano 2011 é socio do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción.

Doazón de leite de Mercadona á Cruz Vermella de ÁlavaDoazón de leite de Mercadona á Cruz Vermella de Álava.