En 2016 Mercadona doou máis de 140 toneladas de produtos de primeira necesidade na provincia de Valencia.
- A compañía tamén colabora con outros comedores sociais e entidades benéficas como a Casa Caridad de Valencia, Buñuelos Sin Fronteras de Gandía e o Banco de Alimentos.
- Sant Joan de Déu Serveis Socials de Valencia atende acotío a máis de 100 persoas.
Mercadona comezou a colaborar coa entidade Sant Joan de Déu Serveis Socials de Valencia, mediante a entrega cotiá de alimentos. Esta entrega realízase a primeira hora da mañá coas furgonetas da compañía e a través dos traballadores da tenda de Mercadona localizada na rúa Sagunto de Valencia, que reparten acotío estes alimentos. Unha vez no centro, a cociñeira do comedor encárgase de preparar as comidas para as persoas que acoden diariamente ás súas instalacións, e a responsable de oficios do centro encárgase do reparto para as persoas usuarias da rede de nove vivendas de inclusión social; en total máis de 100 persoas.
A directora de Sant Joan de Déu Serveis Socials, Isabel Tortajada, sinalou que esta colaboración é un exemplo de solidariedade e compromiso social, que demostra que “unha sociedade mellor é posible”. Pola súa parte Emilio, un dos repartidores de Mercadona que se encarga de levar os alimentos, afirmou sentirse orgulloso de participar nesta iniciativa e estar “moi involucrado en poder repartir alimentos tan necesarios para as persoas con dificuldades”.
Deste xeito, Mercadona reforza a súa responsabilidade social na provincia de Valencia, rexión onde colabora ademais coa Casa Caridad de Valencia, co comedor social Buñuelos Sin Fronteras de Gandía e co Banco de Alimentos. No seu conxunto, Mercadona doou o ano pasado máis de 140 toneladas de produtos de primeira necesidade, e axudou a recadar 173 toneladas de alimentos doados polos seus “Xefes”, como internamente a compañía chama os clientes, ao colaborar nas diferentes “Operaciones Kilo” e na “Gran Recogida” realizadas na provincia de Valencia.
Traxectoria de Sant Joan de Déu Serveis Socials de Valencia
Sant Joan de Déu Serveis Socials pertence á Orde Hospitalaria San Xoán de Deus, con máis de 500 anos de historia. En España conta coa presenza de 236 irmáns en 70 centros e dispositivos sociais e sanitarios, que atenden preto de 1.400.000 persoas, e coa colaboración de máis de 2.000 voluntarios. A entidade ten presenza en Valencia en dúas etapas diferentes, desde 1887 até 1991, no hospital situado na Malvarrosa; e desde 1992 até a actualidade, ofrecendo servizos sociais a persoas sen fogar. Para iso, dispoñen dun albergue que ofrece aloxamento e atención das necesidades básicas de alimentación e saúde, un centro ocupacional onde recuperar hábitos relacionais e laborais, un programa terapéutico de deshabituación de problemática de alcolismo e ludopatía, e unha rede de nove vivendas que se converten no fogar que estas persoas perderon.
Doación de alimentos Mercadona
Dentro do seu compromiso coa sociedade, Mercadona apoia diversas institucións e entidades sociais. A través das distintas iniciativas, a compañía, só no exercicio 2016, doou 6.500 toneladas de alimentos, un equivalente a 108.000 carros da compra, a máis de 120 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e organizacións sociais de toda España. Para alén diso, ten colaborado en diferentes “Operaciones Kilo” e na “Gran Recogida” organizada polos bancos de alimentos, mediante a xestión en tendas e o apoio loxístico, onde se conseguiu recadar, grazas á solidariedade dos seus “Xefes”, 6.900 toneladas.
Emilio, repartidor de Mercadona, xunto a Emilia e Rosa, traballadoras de Sant Joan de Déu Serveis Socials, durante unha das entregas.