Toni Bauzá, Xerente Asociación Tardor e Bruno Amengual, repartidor de Mercadona

Mercadona amplía a tres supermercados a doazón diaria de alimentos ao comedor social “Tardor” de Palma

27 de maio de 2020
  • A compañía reforza a súa colaboración co comedor social “Tardor” de Palma xestionado pola Asociación Tardor mediante a entrega diaria de produtos de primeira necesidade.
  • Mercadona intensifica as doazóns durante a excepcional situación ocasionada pola Covid-19 e dá resposta ás necesidades ocasionadas por esta situación de extraordinaria complexidade que estamos vivindo.
  • A empresa doou no que vai de ano 52.000 quilos de produtos de primeira necesidade a distintas entidades e organizacións sociais de Illes Balears coas que colabora habitualmente.
  • En 2019 a compañía doou un total de 125 toneladas de alimentos de primeira necesidade tan só en Illes Balears.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, reforza o seu Modelo Responsable durante a situación excepcional que vive o país ocasionada pola Covid-19. Nese sentido, ampliou a tres o número de tendas responsables de doar alimentos ao comedor social “Tardor” de Palma. A partir de hoxe mércores as tendas situadas na rúa Manacor e na rúa Archiduque Luis Salvador súmanse ao supermercado da rúa Aragón na entrega diaria de produtos de primeira necesidade como froitas e verduras, lácteos, carne, peixe, embutidos, pan ou pastas co obxectivo de que o comedor poida preparar as comidas para as persoas e familias beneficiarias deste servizo que ofrece o comedor social co que a compañía colabora dende 2019.

O comedor social, xestionado pola Asociación Tardor en Palma, leva aberto case catro anos. A incorporación de dúas tendas máis á repartición de alimentos contribuirá a dar un mellor servizo ás máis de 5.750 persoas inscritas no centro. Delas, entre 1.300 e 2.000 persoas acoden diariamente para recibir os servizos repartidos entre almorzo, xantar, merenda e cea.

Con esta ampliación, os traballadores da tenda situada na rúa Archiduque Luis Salvador son os encargados de achegar ata o comedor os produtos procedentes dos tres supermercados coas furgonetas da compañía, e entréganllelos aos voluntarios do centro garantindo a máxima calidade e frescura para que preparen os menús.

A responsable de Relacións Externas de Mercadona en Illes Balears, Bárbara Ordás, asegura que “a situación de excepcionalidade que estamos vivindo require da nosa parte axilidade nas nosas decisións para dar resposta ás necesidades das persoas máis vulnerables. Estamos moi satisfeitos de reforzar a colaboración con este comedor social, e sentímonos orgullosos de poder achegar alimentos para axudar a completar a dieta das persoas e familias que acoden a este centro".

Pola súa parte, o xerente da Asociación Tardor, Toni Bauzá, manifestou o seu agradecemento a Mercadona por reforzar este tipo de colaboracións "coa ampliación a tres supermercados da doazón diaria de produtos de primeira necesidade axúdannos, máis aínda nestes momentos difíciles, a aumentar os nosos recursos diarios para poder axudar ás persoas e familias máis vulnerables”.

Mercadona doou no que vai de ano ás distintas entidades coas que colabora en Illes Balears 52.000 quilos de produtos de primeira necesidade e reforzou o seu proceso de doazóns coas entidades sociais de Illes Balears coas que colabora habitualmente, que son o Banco de Alimentos de Mallorca, os Bancos de Alimentos Municipais de Maó e Ciutadella de Menorca, Cáritas Diocesana de Eivissa e Formentera, co comedor social Sor Isabel Bonnín de Inca, xestionado por Cáritas Diocesana de Mallorca, co comedor social de "Ca l'Ardiaca" xestionado pola Asociación Altruísta Es Refugi de Palma, co comedor social Tardor xestionado pola Asociación Tardor de Palma e cos comedores sociais de Eivissa, Santa Eulària des Riu e Sant Antoni de Portmany xestionados por Cáritas Diocesana de Eivissa e Formentera en Eivissa.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Mercadona, dentro do compromiso de compartir coa sociedade parte de canto recibe dela, desenvolve o Plan de Responsabilidade Social comentado anteriormente, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política, Mercadona colabora con máis de 260 comedores sociais e máis de 60 bancos de alimentos e outras entidades sociais de España e Portugal, ás que doa diariamente alimentos e participa nas campañas de recollida de alimentos que as devanditas entidades organizan.

De feito, no que vai de ano a compañía doou a todas estas entidades e organizacións un total de 5.212 toneladas de alimentos, 5.002 en España e 210 en Portugal, cantidades que se foron incrementado dende que a compañía o 26 de marzo, tras a paréntese producida como consecuencia do impacto que a Covid-19 tivo nos procesos da compañía, tomase a decisión de reactivar os procesos de doazón de produtos de primeira necesidade aos Comedores Sociais e Bancos de Alimentos cos que a compañía viña colaborando habitualmente.

Igualmente, Mercadona colabora intensamente con 32 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con distintos graos de discapacidade.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sostibilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, enfocado á optimización loxística, á eficiencia enerxética e á redución de residuos; parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e busca conxuntamente cos provedores Totaler a conversión dos residuos en novos recursos. Ademais, traballa no proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes.

Mercadona é dende 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a sostibilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea no que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sostibilidade. Ademais, é socio dende o ano 2011 do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción.

Toni Bauzá, Xerente Asociación Tardor e Bruno Amengual, repartidor de MercadonaToni Bauzá, Xerente Asociación Tardor e Bruno Amengual, repartidor de Mercadona.

Logo EActiVate