- Mercadona doaralle acotío alimentos de primeira necesidade ao comedor social da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, que leva 100 anos a axudar os menos favorecidos.
- No 2017 a compañía dooulles máis de 773 toneladas de alimentos ás organizacións e entidades benéficas coas que colabora en Galicia.
A compañía de supermercados Mercadona comezou a colaborar co comedor social da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, a través da entrega cotiá de produtos básicos. A compañía apoia deste xeito o gran labor social que a institución realiza desde hai 100 anos na cidade da Coruña.
A Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, situada na Ronda de Outeiro nº 325 da Coruña, nace como Padroado da Caridade no 1918 co fin de extinguir a mendicidade na cidade da Coruña. Ao longo da súa traxectoria continuou a medrar e a ampliar o seu traballo no ámbito da inclusión social, a educación infantil e a atención ás persoas maiores.
O comedor social da entidade, con 164 prazas, cobre as necesidades de manutención de persoas en situación de emerxencia social e persoas sen teito os 365 días do ano. Nas súas instalacións corenta persoas, entre voluntarios e trabajadores, atenden os usuarios en tres servizos diarios: almorzo, xantar e cea.
O Presidente da Institución, Eduardo Aceña, explicou que "lle estamos moi agradecidos a Mercadona por colaborar connosco, e é xusto lembrar que a achega desinteresada de produtos frescos, non é máis do que unha resposta a unha evidente solidariedade social no respecto á dignidade das persoas coa finalidade de igualar os desiguais". Celso López, un dos repartidores encargados de levar os alimentos, explica que “para nós é un orgullo poder axudar, o Padre Rubinos realiza un gran labor social e nós estamos encantados de colaborar neste tipo de accións solidarias tan importantes en tempos difíciles".
A doazón cotiá realízase pola mañá e para iso Mercadona achega os seus propios recursos loxísticos e mais humanos. A Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos vén sumarse aos 10 comedores sociais máis cos que a compañía colabora en Galicia desde o 2013.
Doazón de alimentos de primeira necesidade ao comedor social da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos.
Esta iniciativa solidaria responde á inquietude de Mercadona por crear valor compartido, contribuíndo ao desenvolvemento do benestar da sociedade que a rodea. A compañía colabora acotío con 140 comedores sociais de diferentes localidades de España, alén de manter convenios de colaboración con máis de 60 institucións e entidades benéficas. No seu compromiso social Mercadona doou máis de 9.600 toneladas de alimentos durante o 2018, o que representa 3.100 toneladas máis que no exercicio anterior. En concreto, en Galicia a compañía doou 773,4 toneladas a diferentes comedores sociais e entidades benéficas durante o último ano, reforzando o traballo solidario de todas estas organizacións cuxo obxectivo é dar unha resposta digna ás necesidades dos máis carenciados.