Mercadona abre hoxe o seu primeiro supermercado en Melilla

Mercadona abre o seu primeiro supermercado na Cidade Autónoma de Melilla

04 de decembro de 2018
  • O investimento da compañía supera os 9 millóns de euros, dado que a construción do supermercado supuxo a rehabilitación do histórico edificio da Casa Montes, considerado Ben de Interese Cultural dende 1986.
  • O establecemento, que responde ao Novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía,  supuxo a creación de 105 postos de emprego estable e de calidade.

Mercadona abre o seu primeiro supermercado na Cidade Autónoma de Melilla este 4 de decembro, concretamente na rúa Carlos V. O investimento da compañía na súa primeira tenda en Melilla superará os 9 millóns de euros, dado que a construción deste novo supermercado supuxo a rehabilitación do histórico edificio da Casa Montes, construído en 1926 e recoñecido como patrimonio arquitectónico e cultural de Melilla. Considerado Ben de Interese Cultural dende o ano 1986, foi deseñado polo arquitecto Enrique Nieto y Nieto, quen deseñou gran parte dos edificios modernistas do centro da cidade.

O novo supermercado, que supuxo a creación de 105 postos de emprego estable e de calidade, responde ao Novo Modelo de Tenda Eficiente que Mercadona está implantando na súa rede de centros. Este é o primeiro supermercado en Melilla dos dous que Mercadona ten previsto abrir na Cidade Autónoma, unha vez que foi  desestimada a súa localización nos terreos de Las Palmeras, polo que a compañía segue traballando para facer realidade o seu segundo supermercado.

O primeiro supermercado da compañía en Melilla ten unha superficie de sala de ventas de 2.000 m2 e conta con 170 prazas de aparcadoiro. Dispón dun deseño totalmente renovado respecto ao anterior modelo de tenda con novas cores e novos materiais, tanto na fachada exterior de acceso ao supermercado como na distribución das distintas seccións, apostando por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos distintos ambientes.

Antigo edificio da Casa Montes, construído en 1926Antigo edificio da Casa Montes, construído en 1926

Novidades en todas as seccións

A nova tenda presenta novidades en todas as seccións e delas benefícianse tanto os “Xefes” (como a compañía denomina os seus clientes), como os traballadores, os provedores e a sociedade. Dispón dunha nova entrada con dobre cristal que evita correntes de aire, lineais específicos de leite fresco e zumes refrixerados, un novo punto de acabado para a carne, unha nova chacinería con xamón cortado no momento, unha góndola central na perfumería para a cosmética especializada e máquina de zume de laranxa acabado de espremer, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén busca ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores de froita e verdura e dous novos modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas diarias dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Ademais, dispón de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de descanso, así como unha zona de comedor máis equipada e uns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda ecoeficiente

A nivel medioambiental, o Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tomou medidas que permiten reducir ata un 40% o consumo enerxético respecto ao modelo de tenda convencional, debido á mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novos mobles de conxelado máis eficientes enerxeticamente. Ademais, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo zonas e momentos do día.

Igualmente, este novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectado tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaboradoras para os traballadores, cos que poder compartir información dende calquera sección da tenda; isto facilita a autoxestión de cada supermercado e axiliza os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos, encóntranse, entre outros, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar xestións administrativas.

Con esta nova apertura, os clientes de Mercadona na Cidade Autónoma de Melilla beneficiaranse da súa coñecida política comercial SPB (Sempre Prezos Baixos), que a compañía utiliza de forma exclusiva e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a iso, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha oferta eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.