Logo de Mercadona na parede dunha peixería co novo Modelo de Tenda Eficiente.

Málaga – Mercadona abre unha nova tenda eficiente en Málaga cidade

31 de xullo de 2017
  • Esta tenda reabre após unha reforma integral en que participaron 43 fornecedores, que deron emprego a máis de 100 persoas durante a fase de reforma.
  • Este novo supermercado, completamente conectado tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.

Mercadona reabre hoxe un novo supermercado en Málaga, concretamente na Avenida José Ortega y Gasset, Polígono San Luís, parcela 303. Este supermercado, que abre co Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona e en cuxa construción participaron 43 fornecedores que deron emprego a máis de 100 persoas durante a fase de obra, presenta un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes.

A nova tenda eficiente de Mercadona en Málaga conta cunha superficie de sala de vendas de 1.650 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, presenta novidades en todas as seccións das que se benefician tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Dispón, por exemplo, dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada, dunha máquina de zume de laranxa acabado de espremer e dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, dun novo modelo de cesta da compra e de dous modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos ou cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Alén diso, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Do mesmo xeito, este Novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectada tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, coas que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, por exemplo, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 09h00 a 21h30, e dispón dun aparcadoiro de 62 prazas para facilitarlles a compra a todos os clientes que se movan en vehículo privado. Ademais, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a isto, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes una variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona en Málaga

Mercadona conta con 88 supermercados na provincia de Málaga, onde no ano pasado creou 40 novos postos de traballo estable e de calidade, por mor do que o cadro de persoal total ascende a 4.660 traballadores. As compras da compañía a fornecedores de Málaga ascenderon a 535 millóns de euros, cifra que supera nun 3% a do exercicio anterior. Con respecto ao investimento conxunto de Mercadona e os fabricantes interfornecedores en Málaga, superou os 25 millóns de euros en 2016.

Por outro lado, cómpre destacar que Mercadona ten reforzado ao longo do ano pasado a súa acción social na provincia por medio de diferentes iniciativas, con máis de 149.000 quilos de alimentos doados. Para alén de ter colaborado co Banco de Alimentos de Málaga na campaña "Gran Recogida de Alimentos", participando con 77 supermercados. Mercadona tamén colabora con comedores sociais en Málaga capital, Estepona e Antequera, con entregas cotiás de produtos.