Novos carros de Mercadona.

León – O novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona chega á cidade

04 de septembro de 2017
  • Esta tenda reabre após unha reforma integral cun investimento de 800.000 euros coa participación de 17 fornecedores, que deron emprego a máis de 110 persoas.
  • Trátase da primeira tenda de León en se adaptar ao novo modelo de tenda eficiente da compañía.
  • Este novo supermercado, completamente conectado tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.

Mercadona reabre hoxe o seu supermercado da avenida Padre Isla, após unha reforma integral para o adaptar ao novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía, cun investimento de 800.000 euros e a participación de 17 fornecedores que deron emprego a 110 persoas durante a fase de reforma. O novo supermercado presenta un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes.

A nova tenda eficiente, a primeira en abrirse en León con este novo modelo e a segunda de Castela e León (após a abertura de Palencia no mes de maio), conta cunha superficie de sala de vendas de 1.550 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, presenta novidades en todas as seccións das que se benefician tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Dispón, por exemplo, dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada e dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, dun novo modelo de cesta da compra e de dous modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Alén diso, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Do mesmo xeito, este Novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectada tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, coas que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, por exemplo, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que susbtitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 9h00 a 21h30, e dispón dun aparcadoiro de 35 prazas para facilitarlles o acto de compra a todos os clientes que se movan en vehículo privado. Ademais, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a iso, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona en Castela e León: Balance 2016

Mercadona conta en Castela e León con 66 supermercados e un cadro de persoal de 3.550 traballadores, todos eles con contrato estable e de calidade. Alén diso, a aposta de Mercadona por Castela e León viuse reflectida no volume de compras realizado a fornecedores agroalimentarios da comunidade que atinguiu os 1.566 millóns de euros en 2016, un 2% máis respecto do exercicio anterior. O efecto dinamizador de Mercadona en Castela e León foi palpable un ano máis a través dos investimentos executados polo clúster industrial dos seus interfornecedores e fornecedores especialistas, que en conxunto alcanzaron os 80,9 millóns de euros, así como polos 8.767 empregos directos e indirectos que supón o Proxecto Mercadona na comunidade castelán-leonesa.