Entrada dun supermercado Mercadona co novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía.

Cádiz - Mercadona inaugura o seu novo Modelo de Tenda Eficiente en dous supermercados

31 de marzo de 2017
  • A compañía reformou dúas tendas, en Palmones e Xerez da Fronteira, completamente conectadas tecnoloxicamente, cun deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, e cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.
  • Estes novos supermercados eficientes supuxeron un investimento conxunto de 3 millóns de euros e deron emprego a 207 persoas da provincia durante a fase de obras.      

Mercadona reabre hoxe dous supermercados eficientes na provincia de Cádiz: un deles localizado en Palmones (Los Barrios, Cádiz), concretamente no Polígono Industrial Palmones, após un investimento de 1,5 millóns de euros e a participación de 102 persoas na fase de obra; e un segundo supermercado en Xerez da Fronteira, no Centro Comercial Área Sur, após unha reforma integral cun investimento de 1,5 millón de euros e a participación de 105 persoas para o adaptar ao novo Modelo de Tenda Eficiente.

Estes novos supermercados en Palmones e Xerez da Fronteira presentan un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes. As novas tendas contan cunha superficie de sala de vendas de 1.900 metros cadrados cada unha, e dispoñen dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda, con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Neste Novo Modelo de Tenda Eficiente apóstase por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, o Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona presenta novidades en todas as seccións e delas benefícianse tanto os “Xefes” (clientes), como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Por exemplo, dispón dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e para os zumes refrixerados, dunha máquina de zume de laranxa acabado de espremer, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada e dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar a compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, un novo modelo de cesta da compra e dous tipos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros. Do mesmo xeito, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo modelo de supermercado inclúe múltiples medidas para eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade no tempo de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Ademais, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. Do mesmo xeito, este Novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectado tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, cos que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, entre outros, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que sustitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado de Palmones é de luns a sábado, de 09h00 a 21h30, e dispón dun aparcadoiro de 55 prazas propias, ás que se suman outras 600 do centro comercial. No caso do supermercado de Xerez da Fronteira, o horario de abertura é de luns a sábado, de 10h00 a 22h00 e dispón dun aparcadoiro de 2.342 prazas compartidas co centro comercial, para facilitar a compra a todos os clientes que se movan en vehículo. Para alén diso, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online a través da páxina web.

Con estas aberturas, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a isto, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona na provincia de Cádiz

Mercadona conta con 49 supermercados na provincia de Cádiz que proporcionan emprego estable a máis de 2.345 traballadores. Por outro lado, cómpre subliñar que Mercadona ten reforzado, ao longo do ano pasado, a súa responsabilidade social na provincia por medio de diferentes iniciativas, con máis de 43.000 quilos de alimentos doados. Para alén de colaborar en múltiples "Operaciones Kilo" co Banco de Alimentos de Cádiz e o Banco de Alimentos de Alxeciras, e en iniciativas como a do Banco de Alimentos a través da súa campaña "Gran Recogida de Alimentos", participando cos supermercados que ten en gran parte dos concellos da provincia. Mercadona tamén colabora co Comedor Social Virgen Poderosa, en Cádiz capital, e Padre Cruceyra, en Alxeciras, doando acotío produtos que retira da venda mais que están en perfecto estado para o seu consumo.

Localización do novo supermercado eficiente de Mercadona en Palmones (Cádiz):

Localización do novo supermercado eficiente de Mercadona en Xerez da Fronteira (Cádiz):