Sistema de asignación de quenda nunha peixería de Mercadona

Almería – Mercadona reabre un supermercado en Huércal de Almería após unha reforma integral

01 de decembro de 2017
  • A tenda situada no Parque Comercial La Cepa reabre após unha reforma integral que supuxo un investimento de máis de 200.000 euros e a participación de 15 fornecedores, que deron emprego a 90 persoas durante a fase de reforma.
  • Este novo supermercado, completamente conectado tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.

Mercadona reabre hoxe o seu supermercado en Huércal de Almería, concretamente o situado no Parque Comercial La Cepa, na estrada N-340, após unha reforma integral para o adaptar ao novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía. Esta actuación supuxo un investimento de máis de 200.000 euros e a participación de 15 fornecedores que deron emprego a 90 persoas durante a fase de reforma. O supermercado presenta un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes.

A nova tenda eficiente de Mercadona en Huércal de Almería conta cunha superficie de sala de vendas de 1.700 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Así mesmo, aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, presenta novidades en todas as seccións das que se benefician tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Dispón, por exemplo, dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada, dunha máquina de zume de laranxa acabado de espremer, dunha nova sección de forno con rebandadora de pan e pastelería refrixerada, dunha nova chacinería con xamón ao corte e mais envasado e dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e mais dos vexetais, e de dous modelos de carros da compra moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Alén de contar cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Do mesmo xeito, este novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectada tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, coas que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, por exemplo, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 09h00 a 21h30 e dispón dun aparcadoiro de 180 prazas para facilitarlles o acto de compra a todos os clientes que se movan en vehículo privado. Ademais, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a isto, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona en Almería: Balance 2016

Mercadona conta con 34 tendas e un cadro de persoal de máis de 1.369 traballadores con emprego estable e de calidade na provincia de Almería, onde no último exercicio se crearon 14 novos empregos. Mercadona non só recompensa o esforzo das súas traballadoras e traballadores cun soldo que se mantivo por enriba da media do sector (o soldo mínimo bruto de entrada é de 1.297 euros/mes), tamén comparte os beneficios obtidos por medio da súa política de retribución variable. E no seu compromiso co benestar dos traballadores, a compañía continuou a apostar pola conciliación familiar e mais laboral. Ten especial relevancia, no caso de Almería, que 43 nais traballadoras optaran no 2016 por alongar en 30 días os catro meses de baixa maternal establecidos legalmente.

Una vez máis, a aposta de Mercadona polo sector agroalimentario almeriense volveu ser unha constante na provincia. As compras da compañía a fornecedores de Almería ascenderon a 138 millóns de euros, cifra que supera até nun 9% a do exercicio anterior.