Identifica a través da súa etiqueta os produtos Sen Glute de Mercadona

A etiquetaxe nos alimentos Sen Glute de Mercadona

03 de xullo de 2015
  • Mercadona identifica os produtos Sen Glute envasados co logo exclusivo de Mercadona (SIN GLUTEN), co obxectivo de facilitarlles o acto de compra aos consumidores. 

O compromiso de Mercadona e dos seus fabricantes Interfornecedores é elaborar produtos recomendados Sen Glute garantindo sempre a máxima seguridade alimentaria e calidade. Tentando ofrecer ademais o mellor servizo para que poida realizar as súas compras no mínimo tempo, de xeito cómodo e ao menor prezo posible. Estes obxectivos, no ámbito da celiaquía, son os que impulsaron a Mercadona a aumentar de maneira continuada a súa variedade eficaz para alén de ter promovido, desde o comezo, a identificación destes alimentos sen glute, co noso propio logo identificativo.

A sáude do consumidor celíaco depende ao 100% da súa alimentación. A persoa celíaca que coida correctamente a alimentación é unha persoa que come “diferente” e que, no momento de realizar a compra, precisa dispoñer dunha información veraz e sinxela para poder elaborar a súa dieta coas máximas garantías. De feito, a única información dispoñible que posúe o celíaco durante o acto de compra, alén das listaxes de produtos aptos para celíacos elaboradas polas diferentes Asociacións de celíacos e da información dispoñible nalgunhas aplicacións móbiles, é a información que ofrecen os fabricantes a través da etiquetaxe dos alimentos sen glute.

Segundo a lexislación vixente, toda información que se facilite ao consumidor, debe ser veraz e non debe inducir a erro. É importante que o celíaco coñeza que existen dous Regulamentos Europeos de obrigado cumprimento en España que garanten a identificación dos produtos aptos para celíacos:

  • O primeiro deles, máis xeral, obriga a declarar sempre a presenza do glute nun alimento (Regulamento 1169 sobre a Información alimentaria facilitada ao consumidor).
  • O segundo permite e regula as indicacións voluntarias “Sen Glute” (Regulamento 41/2009, do 20 de xaneiro de 2009 sobre a composición e etiquetaxe de produtos alimenticios axeitados para persoas con intolerancia ao glute  (que será derogado en Xullo 2016) e o Regulaento 828/2014 relativo aos requisitos para a transmisión de información aos consumidores sobre a ausencia ou presenza reducida de glute nos alimentos.

En resumo, a lexislación permite identificar os alimentos sen glute ou con glute. Por exemplo, se un produto non contén glute, alén de non aparecer a palabra “glute” de xeito subliñado na listaxe de ingredientes, poderase identificar de forma voluntaria cunha mención específica de sen glute, sempre e cando podéndoo conter o produto non o conteña (produtos específicos e convencionais) e, ademais, non se trate de produtos xenéricos (aqueles que pola súa natureza non conteñen glute). 

Cómpre remarcarmos que a inclusión na etiquetaxe da mención “Sen Glute” é voluntaria e no mercado pódense encontrar diferentes mencións e símbolos. Así, existen os creados polas asociacións de celíacos nacionais e europeas, como é o caso da marca de garantía (FACE) ou o do símbolo internacional  da espiga barrada (AOECS), e os creados polos diferentes fabricantes e distribuidores, como é o caso de Mercadona co seu logo exclusivo, respondendo cada un aos seus propios referenciais ou certificacións.

Preguntas e respostas sobre produtos sen glute de Mercadona

Que é un alimento específico?                       

É un alimento que habitualmente se elabora con cereais con glute e que, para que sexa apto para celíacos, cómpre substituír os cereais non permitidos e os seus derivados por outros ingredientes sen glute, empregando para a súa elaboración tecnoloxías xeralmente máis complexas. Exemplo: pasta, pan, galletas…

Que é un alimento convencional?

É un alimento que non ten sido especificamente formulado para ser consumido polas persoas con intolerancia ao glute. Estes poden conter glute ou non dependendo da súa composición e de como se fabriquen. Exemplo: chourizos, prebes, produtos cocidos, etc.

Que é un alimento xenérico?

Un alimento xenérico é un alimento que pola súa propia natureza está exento de glute, é dicir, na súa composición non contén glute. Exemplo disto son as froitas, vexetais, peixes, carnes e leite.

Que significa que un produto é “Sen Glute”?

Significa que ese alimento ten un contido en glute inferior a 20 partes por millón ppm. En ningún caso significa “cero glute” xa que na práctica non é posible determinar mediante ningunha análise o cero absoluto.