Apertura da primeira tenda de Mercadona en Portugal

Mercadona abre a súa primeira tenda en Portugal

01 de xullo de 2019
  • O novo supermercado está situado na cidade de Vila Nova de Gaia (distrito de Porto) e, antes de que remate o ano, a compañía prevé ter en Portugal un total de dez tendas situadas nos distritos de Porto, Braga e Aveiro.
  • Juan Roig e Hortensia Herrero, presidente e vicepresidenta de Mercadona xunto cos restantes membros do Consello de Administración e distintas autoridades portuguesas, visitaron esta tarde as instalacións para explicarlles de primeira man o proxecto de internacionalización da compañía.
  • A compañía conta actualmente con 900 traballadoras e traballadores portugueses e prevé alcanzar os 1.100 empregados en 2019, e igualmente ten previsto investir máis de 100 millóns de euros durante este exercicio.
  • A compañía investiu de 2016 a 2018 máis de 160 millóns de euros, destinados principalmente á construción dos supermercados, dun bloque loxístico na Póvoa de Varzim, ás oficinas de Porto e Lisboa e ao centro de coinnovación situado en Matosinhos.

Mercadona, empresa de supermercados físicos e de venda en liña, abre mañá a súa primeira tenda en Portugal, concretamente na zona de Canidelo, en Vila Nova de Gaia (distrito de Porto).

Á visita institucional, celebrada hoxe nestas instalacións, asistiron por parte de Mercadona, o presidente, Juan Roig, e a vicepresidenta, Hortensia Herrero, xunto ao resto dos membros do Consello de Administración e o Comité de Dirección da compañía. Todos eles estiveron acompañados de, entre outros, o secretario de Estado de Agricultura e Alimentación, Luís Medeiros Vieira, do secretario de Estado da Defensa do Consumidor, João Torres, e do presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia, Eduardo Vítor Rodrigues, que puideron coñecer de primeira man o proxecto de internacionalización da cadea de supermercados.

Juan Roig valorou que “hoxe é un día histórico para Mercadona, pois fixemos realidade o noso soño de internacionalizar a compañía nun país veciño ao que nos unen importantes vínculos afectivos e culturais, como é Portugal. En nome de todos os que formamos Mercadona, quero agradecer a Portugal o apoio recibido para converter en realidade este fito empresarial nun país que nos recibiu dende o primeiro día cos brazos abertos, que é exemplo de modernidade e innovación. Hoxe é o inicio dun proxecto compartido para construír riqueza e progreso neste país irmán”.

Por outro lado, o presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia, Eduardo Vítor Rodrigues, deu a benvida á compañía e destacou: "é un gran orgullo ver a Vila Nova de Gaia acoller a apertura da primeira tenda de Mercadona en Portugal, a maior cadea española de supermercados. Esta é a culminación dun proceso que implicou moito traballo conxunto, involucrando non só á empresa, senón tamén ao Concello, á Junta de Freguesia de Canidelo e ao Sport Club de Canidelo que, grazas a esta participación conta, hai máis dun ano, cun novo estadio e mellores condicións para a práctica deportiva. Esta apertura é de grande importancia, tamén, por tratarse dunha empresa que aposta fortemente na responsabilidade social, que tanto valoramos, e por proporcionar aos gaienses unha oferta comercial máis moderna. Estamos, por isto, agradecidos a Mercadona por darlle prioridade á entrada en Portugal a través de Gaia, valorando o interese económico desta rexión, e contribuír á creación de emprego".

Con esta apertura iníciase o proxecto de internacionalización da compañía, no que  investiu máis de 160 millóns de euros ata o momento, destinados principalmente á construción dos supermercados; dun bloque loxístico situado en Póvoa de Varzim (Porto); das súas oficinas situadas en Porto e Lisboa; e dun Centro de Coinnovación en Matosinhos (Porto), onde realizar sesións de coinnovación cos clientes portugueses para o desenvolvemento dunha oferta adaptada aos seus gustos. Co obxectivo de continuar creando riqueza e progreso en Portugal, Mercadona ten previsto investir en 2019 más de 100 millóns de euros no devandito país, co que o investimento global do proxecto Mercadona Portugal superaría os 260 millóns de euros dende que anunciou a súa entrada no país  veciño en 2016.

Ademais, Mercadona, para quen a figura do provedor é moi, moi, moi importante, colabora con 300 provedores portugueses dende hai anos. Neste sentido, realizou compras por valor de 203 millóns de euros dende que anunciou o seu proxecto, tendo previstas unhas compras en 2019 por valor de máis de 90 millóns de euros. Así mesmo, a compañía, que conta actualmente cun cadro de persoal de 900 traballadoras e traballadores portugueses, ten previsto alcanzar os 1.100 en 2019.

O primeiro supermercado de Mercadona en Portugal, ao que se sumarán outros nove ao longo do presente ano, está situado nas antigas instalacións do Campo de Fútbol Manoel Marques Gomes, e é tamén o primeiro proxecto de Responsabilidade Social de Mercadona no país, xa que froito do acordo de colaboración alcanzado entre a compañía e o Concello de Gaia, a Junta de Freguesia de Canidelo e o Sport Clube de Canidelo, Mercadona construíu en 2018 un estadio totalmente novo, con mellores medios para o desenvolvemento da educación deportiva de nenos e mozos, ao tempo que aproveitou os terreos anexos do antigo campo para situar a súa actual e primeira tenda.

Cunha superficie de sala de vendas de 1.800 metros cadrados, a tenda de Canidelo responde ao novo Modelo de Tenda Eficiente que a compañía está implantando progresivamente nas súas tendas de España, caracterizado por reforzar a excelencia no servizo e optimizar o acto de compra dos seus clientes. Trátase dun novo concepto de supermercado que reduce ata nun 40% o consumo enerxético respecto a unha tenda convencional.

Á apertura de mañá, séguelle o próximo 9 de xullo a da tenda situada en Matosinhos (Porto), que se situará na antiga Fábrica de Conservas Vasco da Gama, un edificio histórico. No seu día, a compañía comprometeuse a manter o aspecto orixinal do inmoble, preservando así a súa historia centenaria e o seu marco arquitectónico inigualable. Recuperouse a fachada orixinal da entrada principal, o selo e a cheminea interior. Un edificio abandonado que renace da man de Mercadona e revitaliza unha zona industrial de Matosinhos. Tras esta, abrirase a tenda situada en Maia o 16 de xullo e a situada en Gondomar o 23 dese mesmo mes; todas elas localizadas no distrito de Porto.

Proxecto Mercadona

Mercadona é unha empresa de supermercados físicos e de venda en liña con presenza en España e Portugal. Cun cadro de persoal de 87.000 persoas, 900 delas en Portugal, en 2018 alcanzou unhas vendas de 24.305 millóns de euros tras rexistrar un incremento dun 6% respecto ao exercicio anterior. A compañía, que en 2018 realizou un investimento récord por valor de 1.504 millóns, alcanzou un beneficio neto de 593 millóns de euros e, ademais, dentro da súa política de crecemento compartido repartiu un total de 325 millóns de euros entre o seu cadro de persoal en concepto de prima por obxectivos.

Principais datos de Mercadona en PortugalPrincipais datos de Mercadona en Portugal.

Eduardo Vítor Rodrigues, Presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia; Pedro Siza Vieira; Ministro  Adxunto e de Economía; e Juan Roig, Presidente de Mercadona; durante a visita institucional  celebrada na primeira tenda de Mercadona en PortugalEduardo Vítor Rodrigues, Presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia; Pedro Siza Vieira; Ministro Adxunto e de Economía; e Juan Roig, Presidente de Mercadona; durante a visita institucional celebrada na primeira tenda de Mercadona en Portugal.

Juan Roig, Presidente de Mercadona; Pedro Siza Vieira; Ministro Adxunto e de Economía; e Eduardo Vítor Rodrigues, Presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia; na sección de Juan Roig, Presidente de Mercadona; Pedro Siza Vieira; Ministro Adxunto e de Economía; e Eduardo Vítor Rodrigues, Presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia; na sección de "Listo para Comer" da tenda de Canidelo, Vila Nova de Gaia (Porto).

Pedro Siza Vieira; Ministro Adxunto e de Economía; Luís Medeiros Vieira, secretario de Estado de Agricultura e Alimentación; Eduardo Vítor Rodrigues, Presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia; e Juan Roig, Presidente de MercadonaPedro Siza Vieira; Ministro Adxunto e de Economía; Luís Medeiros Vieira, secretario de Estado de Agricultura e Alimentación; Eduardo Vítor Rodrigues, Presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia; e Juan Roig, Presidente de Mercadona.

Exterior primeira tenda de Mercadona en Portugal en Vila Nova de Gaia (distrito de Porto)Exterior primeira tenda de Mercadona en Portugal en Vila Nova de Gaia (distrito de Porto).