F. Gómez (Banco de Alimentos das Comarcas de Girona) e S. Mont (Mercadona) nun momento da doazón realizada

Mercadona entrega 9.300 quilos de produtos de primeira necesidade ao Banco de Alimentos das Comarcas de Girona

23 de xullo de 2020
  • En total, dende o 1 de xaneiro e ata o momento, a compañía entregou 1.090.000 quilos de alimentos e artigos de hixiene persoal a diversas entidades sociais e organizacións benéficas de Cataluña.
  • Reforza o seu compromiso solidario con Cataluña incrementando as doazóns a consecuencia da situación derivada da crise sanitaria.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, fixo efectiva hoxe a entrega de 9.300 quilos de produtos de primeira necesidade, como lentella cocida (11.910 unidades) e arroz (1.680 unidades), ao Banco de Alimentos das Comarcas de Girona.

Esta entrega súmase ás que a compañía realiza habitualmente ao Banco de Alimentos e aos comedores sociais das comarcas de Girona cos que colabora, como o comedor social La Sopa de Girona ou  o comedor de El Convent dels Franciscans en La Bisbal d’Empordà, entre outras entidades. De feito, no que vai de ano, a cadea de supermercados doou máis de 88.000 quilos de produtos de primeira necesidade a diversas entidades sociais de Girona. Ademais, hai que engadir que durante este mes de xullo, Mercadona ampliou a toda a demarcación as doazóns de produtos ao Banco de Alimentos. Ata agora, a colaboración realizábase nos 5 supermercados de Girona e Salt, pero dende o pasado 13 de xullo participan as 28 tendas que a cadea ten nas comarcas xerundenses.

A nova doazón realizada hoxe ao Banco de Alimentos forma parte das que a compañía está levando a cabo en diversas entidades sociais e organizacións benéficas de Cataluña a consecuencia da situación derivada da COVID-19. En total, dende o 1 de xaneiro e ata o momento, entregou máis dun millón de quilos (concretamente 1.090.000) de alimentos, tanto secos como frescos, e artigos de hixiene persoal aos bancos de alimentos de Barcelona, Tarragona, Lleida e Girona, á Cruz Vermella de Cataluña, ao banco de produtos non alimentarios La Nau e a 35 comedores sociais, entre outros. Da cantidade doada de 1.090.000 quilos, aproximadamente 810.000 quilos corresponden aos meses de abril, maio e xuño, período no que incrementou as doazóns para axudar a paliar, na medida do posible, as demandas dos colectivos máis necesitados. Os produtos doados foron leite, legumes, arroz, pasta, carne e peixe fresco envasado, froita e verdura, iogures e sobremesas lácteas, pan de molde, cereais e zumes e batidos refrixerados, entre outros. En canto aos artigos de hixiene persoal, doáronse xampús e desodorizantes para adultos, así como chupetes e mordedores para bebés.

Neste sentido, o presidente do Banco de Alimentos, Frederic Gómez, quixo poñer de manifesto que "estamos moi agradecidos por esta nova doazón de Mercadona, produtos de primeira necesidade que dende hoxe mesmo se repartirán ás entidades sociais do territorio". E dixo “véñennos moi ben, debido ao forte incremento de persoas que reciben alimentos nosos con motivo da pandemia, que fixo que a necesidade alimentaria aumentase nun 40 % no territorio. Ademais, a doazón actual, que se engade a outras que nos fixo Mercadona, é especialmente interesante xa que son dous produtos moi básicos: o arroz, que é moi consumido e demandado, e legume cocido que, ademais de proporcionar proteínas, non lle afecta á pobreza enerxética".

Pola súa parte, o director de Relacións Externas de Mercadona en Girona, Santi Mont, agradeceu "o traballo que están levando a cabo as entidades sociais como o Banco de Alimentos das Comarcas de Girona" e afirmou que "con esta nova doazón realizada hoxe estarán entregados máis dun millón de quilos de alimentos e artigos de hixiene persoal a diversas entidades e organizacións benéficas de Cataluña no que vai de ano co obxectivo de axudar a paliar, na medida do posible, as demandas dos colectivos máis desfavorecidos".

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolver parte de canto recibe dela. Co devandito obxectivo, desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía que atende o compoñente social e ético a través de diferentes liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido.

No marco desta política, ademais da colaboración cos 4 bancos de alimentos de Cataluña e outras entidades sociais, a cadea de supermercados tamén doa produtos a 35 comedores sociais de Cataluña, 2 deles das comarcas xerundenses. A doazón realízase diariamente, de luns a sábado, grazas aos recursos loxísticos e humanos de Mercadona, que entrega os produtos nas mellores condicións de calidade e seguridade alimentaria para que os voluntarios poidan preparar as comidas diarias.

De feito, durante 2019, a compañía doou a estas entidades e organizacións sociais de Cataluña máis de 1.478 toneladas de alimentos, equivalentes a case 25.000 carros da compra. Este compromiso solidario tamén se reforzou no que vai de ano a consecuencia da situación derivada da crise sanitaria, á que a compañía respondeu cun incremento das doazóns ata chegar ás 1.090 toneladas doadas de produtos de primeira necesidade, tanto alimentos como artigos de hixiene persoal, dende o 1 de xaneiro e ata o momento.

F. Gómez (Banco de Alimentos das Comarcas de Girona) e S. Mont (Mercadona) nun momento da doazón realizadaF. Gómez (Banco de Alimentos das Comarcas de Girona) e S. Mont (Mercadona) nun momento da doazón realizada.

Logo EActiVate