Uso de cookies

Empregamos "cookies" propias e de terceiros para elaborar o sitio. Se continuares a navegar debes aceptar o seu uso

Máis información e política de cookies.

Mercadona e os sindicatos asinan un novo convenio colectivo

Mercadona e os sindicatos asinan un novo convenio colectivo de empresa máis igualitario e social

11 de decembro de 2018
  • Mercadona garante un soldo base mínimo de 1.300 euros ao mes/brutos aos que se suman, entre outros, os complementos propios da Política Retributiva da compañía que supoñen incrementos dun 11% anual ata o tramo 5.
  • O Convenio Colectivo de Empresa e o Plan de Igualdade entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2019 e terán unha vixencia de cinco anos, ata 2023.
  • Garante unha mellora do poder adquisitivo, cun incremento progresivo do salario base vinculado ao IPC, e introduce melloras nos pluses de nocturnidade e frío.
  • Reforza a conciliación da vida familiar e laboral e incorpora a creación dun Observatorio paritario que dotará de maior flexibilidade e eficiencia a compañía para lanzar novas propostas nestas materias.

Mercadona asinou cos representantes da Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CCOO) o novo Convenio Colectivo de Empresa e o Plan de Igualdade. Ambos os dous entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2019 e terán unha duración de 5 anos.

O novo marco laboral, máis igualitario e social, reforza o compromiso de Mercadona co emprego estable e de calidade, avanza nas súas condicións laborais, ao tempo que consolida a súa aposta por mellorar o poder adquisitivo do cadro de persoal cun soldo base mínimo de 1.300 euros ao mes/brutos, aos que se suman os complementos propios da Política Retributiva da compañía que supoñen incrementos dun 11% anual ata o tramo 5, e un incremento progresivo do salario base vinculado ao IPC; ademais de introducir melloras nos pluses de nocturnidade e frío.

Forte compromiso social: máis conciliación e estabilidade laboral

Seguindo coa aspiración de Mercadona de estar á vangarda e ser pioneira en aspectos sociais, o novo Convenio Colectivo de Empresa incorpora importantes medidas de carácter social e reforza os compromisos de Mercadona en materia de conciliación da vida familiar e laboral. Entre as novas medidas, inclúe a ampliación do permiso de paternidade ata as 7 semanas, fronte ás 5 semanas que actualmente recolle a lei; e o cobro do 100% do salario estando de baixa por incapacidade temporal ata os 18 meses. Igualmente, introduce a ampliación da excedencia por coidado de fillos ata que o menor faga os 12 anos. Ademais, quen teña ao seu coidado directo un menor de 12 anos e estea gozando dunha redución de xornada, cando se esgote a idade máxima legal poderá solicitar un cambio de contrato a tempo parcial ata os 15 anos do menor, e logo volver a tempo total, se así o desexa. Así mesmo, o convenio contempla a posibilidade de solicitar excedencia con reserva do posto de traballo ata tres anos en caso de violencia de xénero, así como outros dereitos específicos nestes casos.

Ademais, o novo marco establece un máximo de 2 días á semana de 10 horas, incorpora a devolución da “bolsa de horas” en días completos cando sexan 12 horas ou máis, establecerá a implantación dun sistema de fichaxe e fixa non partir xornadas inferiores a 5 horas en tempos totais. Tamén recolle para os traballadores da área loxística un mínimo de 7 fins de semana libres ao ano e calendarios anuais da súa xornada laboral.

Plan de Igualdade: "A igual responsabilidade, mesmo soldo"

Mercadona tamén asinou cos representantes sindicais o Plan de Igualdade co que consolida a súa liña de actuación a favor da igualdade de oportunidades, reforzando feitos conseguidos co anterior Plan, como que en 2017 o 47% dos postos directivos ascendidos foran mulleres; ou o feito de que a equidade sexa un valor irrenunciable no Modelo da compañía, que aplica dende 1997 e de maneira transversal o principio de “a igual responsabilidade, mesmo soldo”. 

Dende 1993, ano no que Mercadona iniciou a implantación do seu Modelo de Calidade Total, a compañía non só potenciou a práctica da igualdade entre mulleres e homes no acceso ao emprego, á formación e á promoción interna, senón tamén no ámbito da conciliación da vida familiar e laboral, tal e como a Comisión de Igualdade creada para o efecto constatou durante a vixencia do anterior Plan.

Observatorio paritario para dotar de maior flexibilidade e eficiencia

As organizacións sindicais e Mercadona tamén acordaron a creación dun Observatorio de carácter paritario con integrantes de todas as partes asinantes para dotar de maior flexibilidade e eficiencia a compañía á hora de introducir melloras relacionadas coas xornadas laborais e a súa distribución. Para iso, estará puntualmente informado dos novos proxectos que Mercadona teña previsto aplicar, o que lle permitirá ao Observatorio trasladar previamente á compañía recomendacións relacionadas coa clasificación profesional, coa xornada ou coa súa distribución.

Ana Micó Maestre, Responsable do Sindicato Estatal de Comercio de FeSMC-UXT, recalcou que coa sinatura deste Convenio “se consegue dar cumprimento a moitas  das reivindicacións históricas das persoas que traballan en Mercadona e por suposto da Unión Xeral de Traballadores. Subidas salariais, reais e efectivas, para a totalidade do cadro de persoal en base ao IPC sen compensación nin absorción, melloras nas políticas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, nas licencias retribuídas e non retribuídas, melloras en loxística, etc., foron sumando valor de forma progresiva durante a negociación deste Convenio. De igual maneira hai que valorar positivamente outros aspectos recollidos no novo Convenio Colectivo, que farán posible a posta en práctica, de forma progresiva, doutras melloras relacionadas coa xornada laboral e coa súa distribución, que farán que os traballadores e as traballadoras poidan gozar dunha distribución da súa xornada laboral que optimice o tempo de traballo e de descanso, a través da creación dun Observatorio do que formaremos parte activa e onde serán obxecto de estudo as reivindicacións e inquietudes en temas tan importantes como a distribución da xornada, entre outros. Os compañeiros e as compañeiras que, de forma impecable, durante esta negociación representaron a FeSMC-UGT, nun exercicio de responsabilidade e coherencia, decidiron dar o seu apoio ao novo texto, sendo conscientes de que os convenios son un todo e como tal deben valorarse, e co pleno convencemento de que velarán polo cumprimento deste para conseguir que as persoas que traballan en Mercadona gocen dunhas condicións laborais e sociais cada vez mellores”.

Por outro lado, Jose María Martínez, Secretario Xeral da Federación de Servizos de CCOO, valora este convenio como “unha ferramenta para afrontar os retos que no sector do comercio se están producindo e que, evidentemente, en Mercadona teñen o seu efecto, xa que permitirá que as organizacións sindicais formen parte dos novos proxectos que se queren aplicar de cara ao seu impacto nas condicións laborais. Dende a cobertura deste convenio colectivo garántese establecer unha análise controlada da xornada e a clasificación profesional, e sinalar a importancia que ten a introdución de melloras en aspectos sociais e salariais; esta última é unha das máis importantes na historia deste convenio xa que se garanten subidas reais para todo o cadro de persoal de Mercadona”.

Segundo o Director da División Relacións Sindicais de Mercadona, Jesús Yelo, “estamos convencidos de que con este acordo, que ten unha vixencia de 5 anos, seguimos sentando as bases dun modelo laboral socialmente responsable. As traballadoras e os traballadores son a causa do éxito e do crecemento da compañía. Ofrecer medidas máis sociais e máis igualitarias serviranos, sen dúbida, para que as persoas que forman Mercadona estean satisfeitas e comprometidas ao 100% para garantir un crecemento sostible e poder compartilo cos cinco compoñentes da compañía: O Xefe (cliente), O Traballador, O Provedor, A Sociedade e O Capital”.

Mercadona e os sindicatos asinan un novo convenio colectivo

Imaxe de cabeceira: Miguel Ángel Cilleros, Secretario Xeral da Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo da UXT; José María Martínez, Secretario Xeral da Federación de Servizos de CCOO; Daniel Blasco, Director Xeral de Recursos Humanos, e Héctor Hernández, Director Xeral Xurídico, Organización e Marina de Empresas de Mercadona; e resto de representantes de sindicatos e empresa no Centro de Coinnovación de El Jarro en Paterna, València.