Mercadona culmina a implantación das bolsas de papel e material reciclado nas súas tendas

Mercadona culmina a substitución total das bolsas de plástico por outras de papel e de material reciclado

15 de abril de 2019
  • A partir de hoxe 15 de abril elimínanse de todas as tendas as bolsas de plástico dun só uso. Nas máis de 1.600 tendas só haberá tres opcións para realizar a compra: bolsas de papel, bolsas cun 50-70% de plástico reciclado procedente da embalaxe utilizada nas súas tendas e cestas de rafia.
  • Esta iniciativa supón para a compañía de supermercados reutilizar 3.000 toneladas anuais do plástico que recupera nas súas tendas, que converte en bolsas para a compra. O proceso desenvolvido por Saica Natur consegue reintroducir o residuo plástico de Mercadona en novos recursos reciclados.
  • Mercadona anima aos seus clientes a reutilizar as bolsas e cestas que todos temos nos nosos fogares co obxectivo de fomentar, entre todos, os principios da Economía Circular.

Vídeo en español

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, elimina hoxe de forma definitiva de todas as súas tendas as bolsas de plástico dun só uso. As máis de 1.600 tendas da cadea xa só lles ofrecerán aos clientes tres tipos de bolsas: as de papel, as de rafia e as bolsas cun 50-70% de plástico reciclado procedente da embalaxe recuperada nas súas tendas.

Esta última alternativa é o froito do compromiso conxunto de clientes, empregados e provedores, e da súa implicación no aproveitamento dos recursos, a redución, a reutilización e a reciclaxe para alongar a vida dos materiais e evitar que acaben no vertedoiro. Para a súa fabricación a compañía, aplicando os principios da Economía Circular, reaproveita anualmente máis de 3.000 toneladas de plástico procedente das embalaxes recuperadas nas súas tendas, que despois envía aos seus bloques loxísticos por loxística inversa e dende alí ao xestor autorizado Saica, que o converte en granza, para que o fabricante Plasbel lle dea unha segunda vida en forma de bolsas para transportar a compra.

Con esta medida, que se iniciou en 2018 en 66 tendas e se foi implantando ao resto da cadea de maneira progresiva, “O Xefe” (como a compañía denomina internamente os seus clientes) que esquecese a súa bolsa na casa xa pode escoller entre a tradicional cesta de rafia de 50 céntimos, unha bolsa de papel a 10 céntimos, e unha bolsa cun contido de plástico reciclado entre o 50% e o 70%, tamén a 10 céntimos. Todas estas opcións son reutilizables e reciclables.

Ademais, a compañía instalará progresivamente en todas as súas tendas un novo moble para as bolsas de plástico que utilizan os “xefes” nas secciones de frescos, dotado dun novo sistema dispensador que reduce o dispendio destas. O mecanismo de reposición é máis fácil e intuitivo que o anterior, e facilítalle esta tarefa ao traballador da sección. Así mesmo, está previsto que estas bolsas sexan substituídas por outras de material compostable antes de 2021. Mentres tanto, co compromiso de reducir o consumo de plástico, suprimiuse a zona de precorte para diminuír a cantidade de plástico que quedaba no soporte, e que era desbotada. 

Todas estas iniciativas reforzan o compromiso de Mercadona co desenvolvemento dunha actividade sostible. Unha aposta que a levou en 2011 a ser a primeira empresa do seu sector en introducir iniciativas para reducir a utilización das bolsas de plásticos dun só uso, e un ano antes, en 2010, a converterse en pioneira na reciclaxe de plástico con proxectos como o abordado conxuntamente co provedor totaler SPBerner para incorporar unha nova liña de útiles (caldeiros, barreños, paus de vasoira e fregonas), fabricada co plástico recuperado dos invernadoiros.

Así mesmo, a compañía colabora dende 2001 con Saica Natur, división do Grupo Saica que xestiona os residuos e ofrece servizos medioambientais, a través dos seus produtos Saica Zero, que busca reducir a xeración de residuos, mellorar a segregación destes así como minimizar o envío ao vertedoiro, e Saica Circular, é dicir, devolver ao mercado como novos recursos aquilo que xa foi utilizado.

Bolsa de papel e bolsa de material reciclado de Mercadona, todas elas reciclables e reutilizablesBolsa de papel e bolsa de material reciclado de Mercadona, todas elas reciclables e reutilizables

Proceso desenvolvido por Saica Natur que transforma o plástico de Mercadona en novos recursos recicladosProceso desenvolvido por Saica Natur que transforma o plástico de Mercadona en novos recursos reciclados

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolver parte de canto recibe dela. Co devandito obxectivo desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política Mercadona traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes, así como na construción de cubertas axardinadas e xardíns verticais nas súas tendas.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sostibilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, enfocado á optimización loxística, á eficiencia enerxética e á redución de residuos; parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e busca conxuntamente cos provedores totaler a conversión dos residuos en novos recursos, con exemplos como o das bolsas.

Ademais, Mercadona colabora con máis de 170 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e outras entidades sociais de toda España, ás que doa diariamente alimentos, e participa en campañas de recollida de alimentos. Igualmente, traballa con máis de 28 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Mercadona é dende 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a Sostibilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea no que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sostibilidade. Ademais, é socio dende o ano 2011 do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción.

Información sobre Saica

Grupo Saica é a empresa líder en Europa na fabricación de papel reciclado para cartón ondulado, cunha produción anual de 3,3 millóns de toneladas de papel. Con máis de 10.000 empregados e presenza en España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Irlanda, Turquía, Luxemburgo e Holanda. Grupo Saica ten catro liñas de negocio: fabricación de papel reciclado para cartón ondulado (Saica Paper), recuperación de materiais reciclables (Saica Natur), envases de cartón ondulado (Saica Pack) e embalaxe flexible (Saica Flex). A cifra de negocio do grupo é de 4.161 millóns de euros no momento do peche de 2018.