Logo de Mercadona en la pared de una tienda.

Mercadona aproba iniciar o seu proxecto de internacionalización en Portugal

23 de xuño de 2016
  • O Comité de Dirección da compañía aprobou na súa recente reunión de xuño o inicio da expansión de Mercadona en Portugal
  • Nunha primeira fase o obxectivo da compañía é a instalación de 4 supermercados, que abrirían as súas portas en 2019.
  • O investimento inicial previsto nesta fase é de 25 millóns de euros e prevese a creación de 200 postos de traballo.

O Comité de Dirección da compañía de supermercados Mercadona decidiu, baseándose no establecido polo Consello de Administración, poñer en marcha o seu plan de internacionalización coa entrada no mercado portugués. O obxectivo da compañía é abrir as catro primeiras tendas en 2019, e iniciar con este fito o seu proxecto de expansión internacional.

Mercadona prevé investir inicialmente 25 millóns de euros e estima crear arredor de 200 postos de traballo nesta primeira fase de expansión. Para iso, a compañía ten previsto iniciar xa os contactos institucionais e traballos no terreo así como o proceso de identificación dos lugares máis idóneos, para realizar as súas catro primeiras aperturas en Portugal.

Mercadona trasladoulles ás autoridades portuguesas a súa decisión de establecer o seu proxecto empresarial no mercado portugués e as claves do modelo de crecemento compartido que impulsa a compañía. “Portugal é unha grande oportunidade para iniciar o crecemento internacional da compañía e un país do que podemos aprender tanto do consumidor como dun sector altamente competitivo, o da distribución. A posibilidade de contribuír ao progreso económico e social do país e ao impulso do sector agroalimentario, é un reto ilusionante e unha aspiración que todos os que formamos parte do Proxecto Mercadona sentimos como un compromiso”, manifestou o presidente da compañía, Juan Roig.

A elección de Portugal por parte de Mercadona, para iniciar o seu plan internacional, estivo determinada por tratarse dun mercado veciño, de proximidade loxística, que se encadra dentro do crecemento orgánico e natural da empresa.

En 2015, Mercadona alcanzou unha facturación de 20.831 millóns de euros. Na actualidade conta con 1.587 supermercados e un cadro de persoal de 76.000 empregados, todos con contratos fixos, que se esforzan cada día “por ofrecer a máxima excelencia no servizo”, de acordo cos valores da empresa. Seguindo o principio de que “o éxito, se é compartido, sabe mellor”, a compañía compartiu cos seus empregados 277 millóns de euros en concepto de prima por obxectivos.

Un proxecto de valor compartido onde "O Xefe" é o cliente

Mercadona é unha empresa de capital familiar, resultado dun proxecto compartido e sostible que se constrúe e crece día a día dende a súa fundación en 1977, dentro do Grupo Cárnicas Roig. En 1981, Juan Roig asume a dirección da compañía que inicia a súa actividade como empresa independente. Juan Roig, o seu presidente, e a súa esposa e vicepresidenta da compañía, Hortensia Herrero, son os principais accionistas con máis do 80% do capital.

Mercadona mantivo un crecemento sostido sobre a base dun modelo de xestión propio orientado ao "Xefe", como internamente lle chaman na compañía ao cliente, cunha variedade de máxima calidade ao prezo máis económico posible, o desenvolvemento do talento dos seus empregados que fomente a paixón pola excelencia no servizo e en colaboración permanente cos seus provedores e o ámbito social.

Esta actitude responsable refórzaa con feitos ano tras ano dende o seu nacemento; confirma que o seu compromiso non só é estable, senón que se acrecenta e consolida, para poder devolverlle á sociedade parte do que recibe.