Actualidad - Notas de Prensa

Aguamur e Valle de San Juan convértense en novos fabricantes interfornecedores de Mercadona

29 de outubro de 2016
  • Aguamur, fornecedor da compañía desde 2001, dedícase á produción e o embotellamento de auga mineral natural, mentres que Valle de San Juan, fornecedor desde 2011, se dedica á produción de queixo de ovella.
  • Mercadona afianza deste xeito a relación con Aguamur e Valle de San Juan e reforza a súa rede de fabricantes interfornecedores, que en 2015 investiron 525 millóns de euros para xeraren unha industria eficiente.

Mercadona alargou a súa rede de fabricantes interfornecedores con dúas novas incorporacións: a compañía Aguamur S.L., con sede na provincia de Murcia; e a empresa Valle de San Juan Palencia S.L., localizada na rexión de Palencia, ao sumarse a esta rede de fabricantes interfornecedores que forman o clúster industrial da compañía valenciana. Deste xeito, Mercadona consolida a relación con ambos os fabricantes, os cales xa fornecían a compañía desde hai máis de 15 anos (no caso do fornecedor de agua) e desde 2011 (no caso do fabricante de queixo de ovella).

Aguamur, empresa familiar dedicada á produción e o embotellamento de auga mineral natural procedente do manancial NEVAL, localizado na Serra do Segura en Moratalla (Murcia), distribúe botellas de auga a máis de 350 tendas repartidas en 7 provincias distintas como Alacante, Murcia, Almería e Albacete. Actualmente, a compañía conta cun cadro de persoal de 30 persoas e en 2015 facturou máis de 10 millóns de euros.

Pola súa parte, o novo fabricante interfornecedor Valle de San Juan é unha empresa familiar con máis de 20 anos de experiencia na produción de queixos de ovella elaborados con “Leite Cru”, e conta cun cadro de persoal de 48 persoas. A compañía distribúe actualmente o “Queixo de ovella anello Forte” en máis de 1.500 tendas que Mercadona ten repartidas por todo o territorio nacional. Ademais, Valle San Juan ten previsto modernizar e ampliar a súa fábrica de Villarrabé (Palencia), para que estea a pleno rendemento en 2017. Este proxecto suporá un investimento inicial de 5,2 millóns de euros e a creación de 12 postos de traballo.

Un clúster industrial en España de máis de 240 fábricas

Desde hai anos, o Proxecto Mercadona impulsa unha rede de fabricantes interfornecedores cos que, conxuntamente, contribúe a dinamizar a economía das zonas en que teñen presenza. Este compromiso tradúcese nun importante esforzo en termos de investimento que permite botar a andar e consolidar numerosas iniciativas empresariais, constituíndo estas un dos valores diferenciais máis importantes que caracterizan o desenvolvemento dun país.

Actualmente, o clúster industrial de Mercadona está formado por máis de 240 fábricas ao longo de toda a xeografía española, e por  un cadro de persoal conxunto de máis de 47.100 persoas. En 2015, e para reforzar este clúster industrial, o conxunto dos  fabricantes interfornecedores realizaron investimentos por valor de 525 millóns de euros, destinados na súa meirande parte á abertura de 67 novas fábricas e liñas de produción.

Convenio Marco de Boas Prácticas Comerciais

A relación de Mercadona cos fabricantes interfornecedores está regulada no Convenio Marco de Boas Prácticas Comerciais que se sustenta nunha serie de principios como a cooperación mutua, ao se estableceren sinerxias entre todos os procesos da cadea de montaxe; o obxectivo conxunto, cuxa relación está baseada nos fundamentos do Modelo de Calidade;  o principio gañar-gañar, onde se establecen acordos beneficiosos para ambas as partes; o cumprimento, cuxos compromisos se cumpren nos prazos acordados; a transparencia, para incrementar a produtividade e competitividade; e o principio de estabilidade, ao se tratar dun convenio de duración indefinida con prazos coñecidos por ambas as partes.