A celiaquía e os produtos Sen Glute en Mercadona.

A celiaquía e os produtos Sen Glute en Mercadona

27 de maio de 2015
  • Mercadona dispón na actualidade de 950 produtos Sen Glute nos seus supermercados. E, por suposto, a nosa pretensión é que este número continúe a aumentar.

Infografía celiaquía.

A relación de Mercadona co colectivo dos celíacos naceu hai xa case 15 anos e fíxoo, como adoitan xurdir as cousas en Mercadona, a través da demanda dos nosos clientes e pola nosa continua procura do xeito de os satisfacer. Foron eles os que comezaron a demandar produtos sen glute en Mercadona pola dificultade que tiñan, quer económica quer xeográfica, para dispoñer deles.

Foi un camiño longo que requiriu dun grande esforzo por parte de todos. A primeira vez que os produtos foron incluídos na listaxe de produtos aptos para celíacos en FACE (Federación de Asociaciones de Celíacos de España) foi no ano 2002 e naquel momento Mercadona dispoñía de só 50 produtos sen glute.

No 2014, Mercadona pechou o exercicio con 900 referencias sen glute. No que vai de ano, incorporamos 50 novas referencias de alimentos específicos aptos para celíacos.

Actualmente dispoñemos de 950 referencias de Produto Recomendado Sen Glute en Mercadona. Para alén de os nosos clientes poderen encontralos doadamente, están identificados co logo exclusivo de Mercadona (SIN GLUTEN).

Horizonte 2015: Continuar co noso compromiso co colectivo celíaco

Mercadona, no marco do seu compromiso co colectivo celíaco, ten como horizonte este ano 2015 que máis do 55% dos seus interfornecedores fabricantes de produtos de alimentación elaboren produtos sen glute para Mercadona, o que permitirá dispoñer dunha variedade de produtos sen glute eficiente en todas as categorías de produtos. Isto suporá que, ao redor do12% da variedade total de Mercadona (16% da variedade de Alimentación), será apta para celíacos, ademais, por suposto, daqueles produtos que pola súa propia natureza, os denominados produtos xenéricos, non o conteñan.

Para poder ofrecer produtos sen glute en Mercadona coas maiores garantías, os fabricantes realizan constantes controis do produto e das materias primas coas que este é elaborado. Nalgúns casos mesmo se deseñan liñas ou fábricas específicas ou se definen procesos exclusivos para garantir a ausencia de glute.

De feito, todos os fabricantes interfornecedores de Mercadona están certificados por empresas externas acreditadas nas normas de Seguridade Alimentaria máis estritas, onde se contempla a correcta xestión de alérxenos, cumprindo con certificacións como a IFS v-6, BRC, Global Gap ou ISO 22.000.

Preguntas e respostas sobre produtos sen glute de Mercadona

Que é o glute?  

O glute é unha mestura de proteínas presente no trigo (en todas as súas especies), o centeo, o orxo e a avea ou as súas variedades híbridas. Esta proteína, nos alimentos nos cales está presente, actúa como elemento aglutinante, xelificante e emulxente, é dicir, proporciónalles elasticidade e confírelles consistencia, mais non é unha proteína indispensable para o ser humano e pode ser substituída sen ningún problema por outras proteínas animais ou vexetais dunha dieta sa e equilibrada.

Que é a celiaquía?  

A celiaquía ou doenza celíaca é un dos trastornos relacionados co glute xunto coa alerxia ao glute e a sensibilidade ao glute non celíaca. A doenza celíaca (DC) é unha intolerancia permanente ao glute que se presenta en individuos xeneticamente predispostos, caracterizada por unha reacción inflamatoria, de base inmune.

No celíaco a inxestión de glute provoca que se sensibilicen determinadas células responsables da resposta inmune (linfocitos) que atacan os seus propios tecidos. Todo isto acaba por ocasionar a desaparición das vilosidades do intestino delgado, polo que os alimentos non se absorben correctamente. O único tratamento eficaz é unha dieta sen glute que cómpre continuar durante toda a vida.

Que significa que un produto é sen glute? 

Un produto Sen Glute, segundo a lexislación vixente, é aquel que contén menos de 20 ppm (partes por millón) de glute.

Os produtos sen glute son máis caros? 

Os produtos específicos sen glute son alimentos que habitualmente se elaboran con cereais con glute e en que, para os transformar en aptos para celíacos, se substitúen os cereais non permitidos e os seus derivados por outros ingredientes sen glute, empregando para a súa elaboración tecnoloxías xeralmente máis complexas. Este proceso, moito máis rigoroso, require tecnoloxías, instalacións e controis de procesos máis exhaustivos, o que conleva que o custo da produción sexa maior que o dun produto convencional ou xenérico.

Sexa como for, o compromiso de Mercadona e dos seus fabricantes interfornecedores, é elaborar produtos recomendados Sen Glute, coa máxima seguridade alimentaria e calidade ao menor prezo posible.